En preparación o remake de Starship Troopers

0
139

Seica a última moda en Hollywood consiste en facer remakes dos filmes do realizador holandés Paul Verhoeven: escomezaron con Total Recall, están a traballar no relanzamento de Robocop, e agora xurden as novas sobre unha terceira película, o clásico filme de culto de ciéncia-ficción de 1997 Starship Troopers.

O produtor Neal Moritz quere facer unha versión nova e xa asignou a misión aos guionistas Ashley Edward Miller e Zack Stentz, responsábeis do argumento dos filmes Thor e X-Men: First Class e da série de televisión Fringe.

O filme de Verhoeven está baseado nunha novela de Robert A. Heinlein que narra as aventuras dende que se alistan até que chegan a ser veteráns dos membros dunha unidade militar de elite que no futuro loita contra unha raza de extra-terrestes arácnidos xigantes, coñecidos coma “os bichos”.

O filme foi nominado ao Oscar polos seus impresionantes efectos especiais, e contiña altas doses de violéncia, así coma numerosas escenas de homes e mulleres espidos, todo cun reparto de xoves actores descoñecidos pero con moito atractivo sexual, e cun tón que misturaba a acción de guerra con pinceladas dun fascismo que se deixa entrever na sociedade futura e que foi interpretado por moitos críticos coma unha apoloxía da ultradereita en lugar de coma unha visión irónica do mesmo.