A BBC desminte o filme do Doutor Who

0
156

Hai uns días o director dos filmes da saga de Harry Potter, o realizador David Yates, lanzou un rumor que foi amplamente recollido pola prensa e segundo o cal estaba en preparación un filme baseado na clásica série de televisión de ciéncia-ficción Doctor Who. O mais abraiante do rumor era que o proxecto pasaría por facer un filme totalmente independente da série de televisión, un relanzamento do persoaxe que non tería en conta os seus case 50 anos de história na BBC.

Pero o conto seica non remata aí porque Steven Moffat, guionista xefe e actual produtor da série ven de revelar que “calquera filme do Doutor Who sería realizado pola equipa da BBC, protagonizado polo actual Doutor e non sería un relanzamento de Hollywood“. Ademais, tildou de “lixo” as declaracións de Yates.

Nunha declaración oficial, Moffat salientou que o Doutor Who é unha marca de importáncia vital para a BBC cunha audiéncia internacional que “Hollywood non pode escomezar dende cero“.

Xa en concreto, afirmou que “simplemente, non hai plans para facer un filme do Doutor Who nestes intres“, pero que se os houber, “precisaría estar protagonziado polo Doutor Who da televisión“.

De todos os xeitos, seica algunhas fontes internas da BBC precisan que Moffat pasou-se un pouco coas súas declaracións e que non tivo tacto ningún ao se referir a Yates. Non fallan quen din que a BBC está tan só agardando a que remate o contrato de Moffat para poder prescindir del e iniciar dese xeito o proxecto de longametraxe.