Morreu a creadora dos Dragoneiros de Pern

0
216

Anne McCaffrey, a popular escritora de fantasía e ciéncia-ficción que ideou a alianza intergaláctica entre humáns e dragóns ao longo de dúas dúcias de novelas de Dragoneiros de Pern (Dragonriders of Pern), morreu o pasado 21 de novembro na súa casa de Irlanda aos 85 anos de idade.

A súa editorial, a Random House, anunciou que McCaffrey finou por mor dun paro cardíaco onte luns na súa residéncia, unha casa rural ao sul de Dublin, onde vivía dende había corenta anos. O nome que lle dera á súa casa, deseñada por ela mesma, foi Dragonhold.

McCaffrey foi a escritora que transformou o mundo da literatura da ciéncia-ficción, até daquela só dominado por homes, após de tentar triunfar coma cantante e actriz afeccionada.

Sempre utilicei a emoción coma ferramenta para escribir“, dixo McCaffrey nunha entrevista que concedeu á revista Locus en 2004. “Iso provén de cando eu estaba nos escenários. O feito é que a emoción — se o escritor a sinte visíbelmente — atravesará todo o proceso que leva publicar unha história e baterá ao leitor xusto no peito. Pero tes que quere-lo realmente“.

Ela foi a primeira muller que gaño ous dous prémios da literatura de ciéncia-ficción mais importantes, o Hugo e mais o Nebula, en 1968 e 1969 respectivamente, após de publicar as súas dúas primeiras novelas ambientadas no mundo de Pern.

McCaffrey nacera en Cambridge, Massachussetts, o 1 de abril de 1926, e obtivo o seu graduado no Radcliffe College en 1947. Mudou-se a Irlanda en 1970 após de se divorciar do seu home, con quen estivera casada 20 anos. Os seus devanceiros proviñan de Irlanda, que daquela viña de iniciar un programa para atraer aos novelistas de todo o mundo, que poderían vivir no país sen pagar o imposto da renda.

A súa popularidade afianzou-se coa publicación en 1978 de The White Dragon, a novela que completou a triloxía orixinal que escomezara a finais dos anos 60. Foi a súa única novela que puido entrar na lista dos mais vendidos do xornal New York Times.

Pero o seu traballo non se detivo aí, porque mantivo unha produción abondosa, con 21 novelas mais ambientadas en Pern ao longo de diversos periodos da súa história imaxinária.

Na última década a súa saúde comezou a empeorar e decidiu colaborar con seu fillo Todd, que xunto a ela escribiu cinco novelas baseadas en Pern e escribiu outras tres pola súa conta. A súa novela número 23, Dragon’s Time, publicou-se o pasado mes de xuño, con nai e fillo compartindo os créditos. A novela 24 e derradeira, Sky Dragons, ten previsto ver a luz o ano que ven.

McCaffrey deixa dous fillos e unha filla.