Herge debuxou vintecatro tomos da colección de Tintín, e a recente película de Steven Spielberg The Adventures of Tintin utiliza partes de tres deles.
Agora que os plans de rodar a secuela están xa en marcha grazas ás boas críticas e á boa recadación obtida en Europa, a única pregunta que fica por responder é que libros serán adaptados agora.
Hai un ano Peter Jackson, que será o director do segundo filme, dixo que o seu plan era adaptar As sete bólas de cristal e mais O templo do sol, dous libros que van xuntos na colección, coma base para a súa película. Nombergantes, hai uns poucos meses noutra entrevista dixo que mudara de opinión, pero non desvelou que decisión tomara ainda. Mesmo nese caso, cóida-se que O templo do sol podería ser a base dun teórico terceiro filme.
Agora, a produtora Kathleen Kennedy dixo nunha entrevista que esa história en particular está xa fóra da discusión: “O templo do sol estivo en consideración moi, moi ao comezo, e xa non está mais en discusión. Ainda temos a Anthony Horowitz traballando no segundo filme, e non sabemos o que imos facer coa terceira película ainda“.
As histórias utilizadas no primeiro filme foron usadas porque servían para presentar a Tintín, Milú, o capitán Haddock e mais as súas relacións interpersoais. Así que agora Kennedy di que “o que estamos a pensar para a segunda película é que novos persoaxes queremos presentar? Ben, posíbelmente presentemos ao profesor Tornasol e o metamos en escena“.
O profesor Trifón Tornasol é un dos personaxes principais deste cómic, sendo quizais o cuarto en importancia logo de Tintin, Milú e o Capitán Haddock, aínda que o feito de ser un home maior e deminuído fisicamente fai que non teña un protagonismo en todas as histórias, pois se sobreentende que moitas das aventuras emprendidas por Tintín e Haddock serían perigosas para el ou non ten o menor interese en participar. A súa primeira aparición foi en O tesouro de Rackham o Vermello, un tomo que difícilmente será adaptado porque o seu final aparece xa na primeira película estreada.
Outra posibilidade é un dos favoritos de Jackson, O asunto Tornasol, un thriller de secuestros que mistura a espionaxe de países do Leste e que ten a Tintin e a Haddock percorrendo toda Europa para rescatar ao profesor. Kennedy, de todos os xeitos, non quixo adiantar se sería este o libro elixido, pero afirmou que “esa é a dirección que estamos a tomar“.