Tampouco haberá filme sobre Buffy

0
137

O ano que está pro rematar trouxo novas de dous proxectos de séries de televisión que seica tiñan proxectos de relanzamento no cinema: Doutor Who e Buffy Cazavampiros. A película sobre o Doutor Who ficou paralisada a pouco de escomezar e está ainda nun limbo no que podería ficar moitos anos, así que as esperanzas dos fans estaban postas na saga vampírica de Buffy.

De feito, seica o guionista Whit Anderson entregara a mediados de ano un primeiro boceto que erguera algunhas posibilidades, pero que ao cabo foi desbotado totalmente.

Fontes próximas a Anderson din que o guionista “tiña algunhas moi boas ideias e reinventara toda a lenda de Buffy e todo ía ser moi guai, pero ao final non había chicha abondo nas páxinas… e é que se vas traer algo de volta, tes que face-lo ben“.

A nova sería todo un acougo para os fans, que se amosaron moi reticentes coa idea dun relanzamento para nada necesário, e especialmente cando o creador da série, Joss Whedon, rexeitou participar nel. O mesmo Whedon dixo que o proxecto era unha “moi, moi triste reflexión dos nosos tempos, cando a xente debe alimentar-se das carcasas das histórias mais queridas da súa mocidade“.

Polo de agora, o proxecto ainda non está morto oficialmente, pero está-se á espera da contratación dun novo guionista. De todos os xeitos, o rexeitamento dos fans fará que os produtores pensen moito o interese real de meter os cartos neste filme.