Novos guionistas para Flash Gordon

0
206

Flash GordonA Sony ven de contratar aos guionistas Matt Sazama e Burk Sharpless para que escriban o libreto da súa nova versión de Flash Gordon, xusto uns poucos meses despois de obter os dereitos sobre a clásica franquía de ciéncia-ficción da Hearst.

Flash Gordon céntra-se nun xove e aposto xogador de polo que é secuestrado e levado ao afastado planeta Mongo, onde el e mais os seus compañeiros Dale Arden e Hans Zarkov deberán enfrontar-se nunha série de aventuras ao malvado emperador Ming.

A versión da Sony con acción real de Flash Gordon suporá a última encarnación desta venerábel franquía, que conta xa con 75 anos de existéncia e que foi adaptada en moitos xeitos dende que fora creada para os cómics dos xornais por Alex Raymond. Flash converteu-se nunha série de filmes nos anos 30, nunha longametraxe interpretada por Sam Jones en 1980 e nunha série de televisión do Sci-Fi Channel recentemente.

Sazama e Sharpless están asemade a escribir o guión para o filme de vampiros Dracula Year Zero para a Universal e mais para o filme de Zack Snyder Cobalt 60.

O novo Flash estaba orixinalmente preparado pola Universal, pero os dereitos revertiron ao King Features Syndicate da Hearst após de que a Universal non fora quen de desenvolver o proxecto durante todos os anos nos que posuiu os dereitos.

Breck Eisner é o director vencellado a este filme e Neal Moritz á produción, tal e coma xa o estaban mentres estivo nas mans da Universal.