O Mataxigantes, adiado nove meses

0
186

A Warners ven de modificar a súa axenda de estreas adiando tres filmes que tiñan previsto aparecer este ano e o mais afectado será a longametarxe de Bryan Singer Jack and the Giant Killer 3D, que deberá agardar até o 22 de marzo de 2013 para estar nas salas de cinema. A data inicial da estrea era no mes de xuño deste ano.

O movemento ademais afectou a outros dous filmes. A pior parte levou-na o proxecto de David Dobkin Arthur and Lancelot, unha longametraxe de fantasía épica que tiña previsto aparecer en marzo de 2013 pero que agora fica adiada sen data, o que probábelmente sinifique que non se vai producir.

O adiamento de Jack non é unha sorpresa demasiado grande, tendo en conta que após da aparición do seu primeiro tráiler, a reacción do público non foi precisamente positiva. Por outra banda, Jack the Giant Killer estaba atrapado entre outras estreas fantásticas de grande orzamento, coma Snow White and the Huntsman dúas semanas antes, ou a Brave da Pixar unha semana antes, e iso por non mencionar a agardada Abraham Lincoln: Vampire Hunter e a Prometheus de Ridley Scott. Entre todas elas, Jack the Giant Killer semellaba case un produto menor.

Así pois, os estudos agardan que con este adiamento Jack the Giant Killer teña unha data de estrea nunha época do ano onde as espectativas non son tan grandes.