Saoirse Ronan e a Orde dos Sete

0
205

Durante todo o ano pasado falou-se de tres filmes en desenvolvemento sobre Branca Neves, dous dos cales están xa a piques de chegar aos cinemas, mentres que o terceiro semella bastante parado.

Onte soubo-se que a protagonista de Hanna, Saoirse Ronan, fixo probas para o papel principal de The Order of the Seven para a Walt Disney Pictures.

Este filme, que até agora levaba o título de traballo de Snow and the Seven, será unha versión remozada do clásico, ambientado en China e que leva en fase de proxecto case dez anos, dende que Michael Chabon escribira o guión orixinal en 2002.

O novo guión é de Jayson Rothwell e Michael DeBruyn e semella ter eliminado case todos os vencellos co clásico conto de fadas orixinal.

Nesta nova versión, os ananos son sustituídos por unha disparatada banda de guerreiros foraxidos internacionais do século XIX e que pertencen a épocas pasadas, nas que semellan ter ficado desfasados.

Os guerreiros atoparán a unha expatriada inglesa (Ronan) en Hong Kong, que está a ser perseguida por unha malvada muller, que se converterá na catalizadora da súa redención.

O director de anúncios Michael Gracey fará o seu debut na pantalla grande a partir de outono, cando comece a se rodar o filme. Xa está anunciada a participación de várias estrelas nacionais chinesas, rusas e xaponesas, que poderían interpretar aos guerreiros.