A Hammer relanza a Quartermass e a Drácula

0
153

Após de que a súa recente adaptación á pantalla grande de The Woman in Black foi ben recebida pola crítica e mais o público, a Hammer Films anunciou a semana pasada que vai lanzar outros dous proxectos que levaban agardando unha oportunidade.

Nunha entrevista concedida hoxe mesmo, o presidente da Hammer, Simon Oakes, revelou os seus plans para revivir non só os clásicos monstros da compañía, senón para se converter nunha pedra angular das séries de ciéncia-ficción inglesas.

Así, cando lle preguntaron se a compañía está disposta a facer novas versións dos clásicos do seu catálogo, coma o Drácula interpretado por Christopher Lee, Oakes dixo: “Certamente imos facer novas versións, non só remakes. Coido que a Hammer debería facer un Drácula actualizado e coido que se atopamos un xeito de face-lo, cousa que estamos a procurar agora mesmo, daquela a resposta é si. O tema é que a meirande parte dos filmes son salientábeis de por si, están atrapados nunha cápsula do tempo de seu pero deberíamos facer un Drácula contemporáneo, deberiamos facer a nosa versión dun filme de Frankenstein. Xa fixemos un filme de vampiros [Let Me In], fixemos un filme cunha casa enmeigada [The Woman in Black], estamos tentando facer un filme de monstros xusto agora, coma xa fixo a Hammer co Abominábel Monstro das Neves e o Reptil, así que estamos tentando-o con eles. Pero mais coma relanzamento que coma remake“.

A Hammer tamén foi famosa polos seus filmes de ciéncia-ficción, especialmente pola súa aclamada série de tres filmes de Quatermass, dirixida aos adultos e que foi un remake dos seriais da BBC dos anos 50. Aqueles filmes serviron coma inspiración para moitos autores de xénero e décadas despois ainda poden percebir-se os seus ecos en Doutor Who ou Expediente X e mesmo en Sapphire and Steel ou na clásica 2001: A Space Odyssey.

Oakes revelou que “estamos a desenvolver Quatermass neste intre. Completamente actualizado, pero enraizado no persoaxe. Se miras ao Sherlock da BBC, hai abondo ADN do persoaxe aí, así que poderías trae-lo de volta e dicir que así é coma sería o Bernard Quatermass de hoxendía. Así que ainda é brusco, un estranxeiro, contrário, que loita contra a autoridade, pero o que é o que faría hoxendía? Non estaría no Grupo de Foguetes porque o mundo mudou moito dende os anos 50. Imos anunciar algo sobre iso axiña“.