Ana María Matute, Premio Nacional das Letras Españolas

0
301

Ana María MatuteA escritora barcelonesa Ana María Matute, autora de Olvidado Rei Gudú, sen dúbida a obra mestra do xénero fantástico en español, gañou hoxe o Prémio Nacional das Letras Españolas en recoñecemento á sua ampla obra que xa mereceu numerosos galardóns. Este prémio concéde-o o Ministério de Cultura e está dotado con 30.000 euros.

O xurado estivo presidido por Rogelio Blanco, director xeral do Libro, e contou con Mónica Fernández como vicepresidenta. Formaron parte tamén del Juan Luis Cebrián, Xosé Ramón Barreiro (presidente da Real Académia Galega), Aurelia Arkotxa, Carles Miralles, Antonio Hernández, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio Pascual, Laura Freixas, Clara Sánchez, Manuel Longares e o galardonado o pasado ano, Raúl Guerra.

Ana María Matute escribiu o seu primeiro libro con 17 anos, Pequeño teatro. Daquela necesitara o permiso de seu pai para o contrato coa editorial, ainda que non sería publicado até 11 anos máis tarde. De feito, a sua primeira obra publicada sería Los Abel, en 1948.

Semifinalista do Prémio Nadal en 1949 por Luciérnagas e nominada ao Nóbel de Literatura en 1996, a sua mocidade marcada pola Guerra Civil sobrevoa en grande parte da sua obra coma Los Abel (1948), Fiesta al noroeste (1953), Los hijos muertos (1958) ou Los soldados lloran de noche (1964). En todas elas subxaz unha ollada infantil ou adolescente. En efecto, as obras infantís terán un grande peso na sua traxectória, moitas delas adicadas ao seu fillo Juan Pablo.

Membro da Real Academia Española, onde ocupa a cadeira letra K, o seu discurso de ingreso estivo adicado á fantasía. Pertence, asimesmo, á Hispanic Society of America e obtivo, entre outros, o Prémio Nacional de Literatura Infantil (1984) por Sólo un pie descalzo.

A narrativa de Matute é un caso singular dentro do realismo, xa que partendo del, intenta desvencellar-se a través da fantasía e da imaxinación. Baséa-se na realidade e na autobiografía psicolóxica, destacando entre os seus temas a soidade e a incomunicación, a mistura de ódio e amor nas relacións entre irmáns, amantes ou amigos e a necesidade de fuxir e evadir-se da vida vulgar e corrente.

A obra de esta escritora está cargada de lirismo subxectivo, fantasía e imaxinación que parte dunha realidade e duns feitos (a guerra civil e a posguerra) e que fai que os seus persoaxes sexan uns seres tristes, enchidos de obsesións e á vez de inocéncia, que sempre rematan mal.

Mália ser a autora da millor obra literária en español do xénero fantástico e das súas inumerábeis contribucións ao xénero, nunha recente entrevista, Matute declaraba: “Non sei o que é a literatura fantástica. Eu non fago literatura fantástica. Eu fago literatura máxica. Literatura fantástica, excelente, marabillosa e que me encanta é, por exemplo, a de Tolkien. O meu non ten ren que ver coa literatura fantástica“.