Outra mais de Drácula

0
169

A Sony Pictures ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema un novo guión aínda sen título de Jason Keller, o mesmo escritor de Machine Gun Preacher e Mirror Mirror, e que describen coma unha história sobre o periodo de orixe da mitoloxía de Drácula.

Os produtores de Snow White and the Huntsman Joe Roth e Palak Patel producirán tamén este filme, que os estudos queren converter nunha franquía.

En todo caso, este filme úne-se a outros proxectos baseados en Drácula que están actualmente en desenvolvemento polos grandes estudos, moitos con ideias semellantes de ir atrás no tempo até o século XV a relatar a história do príncipe romeno Vlad II, cuxas sanguentas batallas contra a expansión do Império Otomán inspiraron o seu alcume (Vlad o Empalador), que á súa vez deu orixe á lenda do vampiro na clásica novela de Bram Stoker de 1897.

Entre os proxectos en desenvolvemento están Dracula Year Zero da Universal, que contou até uns meses con Sam Worthington coma protagonista, o Harker da Warner Brothers con Russell Crowe vencellado, e mais unha triloxía de filmes postapocalípticos baseados na novela orixinal, e que contan coa preséncia de Guillermo del Toro e Chuck Hogan.

Outros proxectos que seica están algo paralisados son o Vlad da Summit, cun guión do autor do protagonista de Sons of Anarchy Charlie Hunnam, e mais The Last Voyage of the Demeter na Phoenix Pictures, que tivo a moitos directores de sona vencellados. E por suposto, o recente relanzamento da figura de Drácula a cargo do selo británico Hammer Films, que hai un par de semanas suxeriu o regreso dos seus clásicos dos anos 60 e 70 que contaban con Christopher Lee no papel do vampiro.