En marcha o remake dos Trífidos

0
152

Neil Cross, o creador da aclamada série de televisión da BBC Luther, ven de ser contratado para escribir o guión dunha nova adaptación da clásica série de ciéncia-ficción The Day of the Triffids para a Ghost House Pictures.

John Wyndam escribiu o relato orixinal en 1951, unha história post-apocalíptica que dende aquela converteu-se nun fito da literatura de xénero.

Ambientada nun futuro próximo, a história vai sobre unha choiva de meteoritos que chega á Terra e que deixa cegos a todos os que a contemplan, que son case todos os habitantes da Terra. Coa civilización derrumbándo-se, os trífidos (unha raza de plantas sentintes creadas por enxeñería xenética e dotadas cun aguillón venenoso) comezan a se converter na forma de vida predominante no planeta.

O libro foi adaptado anteriormente á pantalla en tres ocasións: a primeira foi en 1962 cun filme británico, e logo dúas veces mais para a televisión. A primeira destas duas, unha mini-série da BBC de 1981, é ainda a versión mais aclamada e foi inspiradora de moitos intres emocionantes do filme de Danny Boyle 28 Days Later e do de Steven Spielberg War of the Worlds.

Mais recentemente, a segunda adaptación para a pequena pantalla chegou da man da BBC1 en 2010, cunha série que foi un completo desastre protagonizada por Dougray Scott, Eddie Izzard, Brian Cox e Joely Richardson, pero que ainda así acadou axuntar a 6,1 millóns de espectadores.

Cross é ademais responsábel de dous guións de xénero para Guillermo Del Toro: Mama e Midnight Delivery, ademais de axudar ao mesmo Del Toro na súa longametraxe de 2013 Pacific Rim.

Mark Gordon, Michael Preger, Don Murphy, Sam Raimi e Rob Tapert serán os produtores.