R.I.P. Moebius

867

O artista Jean Giraud, mais coñecido polo seu alcume de Moebius, mestre do cómic e do deseño gráfico cuxa influéncia foi moito mais aló das páxinas dos tebeos, finou o pasado día 10 na súa casa de París por mor dun cancro aos 73 anos de idade.

Os seus primeiros traballos estiveron relacionados co Western. Así, aos 18, Giraud debuxou o seu própio cómic, Frank et Jeremie, para a revista Far West, e dende 1956 a 1958 editou cómics do Oeste na revista Coeurs Valiants. Daquela o seu estilo estaba moi influenciado polo do seu mentor, Joseph “Jijé” Gillain, quen mesmo chegou a debuxar páxinas coa sinatura de Giraud en 1962. O persoaxe do Tenente Blueberry, cuxa face estaba baseada na do actor francés Jean-Paul Belmondo, foi creado en 1963 e converteu-se no persoaxe mais famoso de Giraud en Franza, onde a ciéncia-ficción é un xénero case descoñecido, até que comezou a colaborar con Alejandro Jodorowsky moitos anos despois.

O alcume de Moebius, que Giraud comezou a usar para os seus traballos fantásticos e de ciéncia-ficción a partir de 1963, está tomado do matemático e astrónomo alemán Augustus Ferdinand Möbius e aparece por primeira vez na revista satírica Hara-Kiri, pero Giraud non volveu utiliza-lo até case dez anos despois, cando en 1975 o revive para fundar xunto a Jean-Pierre Dionnet, Philippe Druillet e Bernard Farkas o grupo de artistas de cómic “Les Humanoides Associes”. Xuntos crearon a revista Métal Hurlant, na que Moebius se fixo famoso a nivel internacional.

O seu impecábel estilo na saga de Arzach, mistura de ciéncia-ficción e fantasía medieval, cheio de intrincados deseños nos que afundir a imaxinación, converteu-se axiña nun dos principais estandartes e sinais de identidade da revista, que fóra de Franza vendeu-se baixo o nome de Heavy Metal e que en 1981 foi a orixe e base do filme do mesmo título.

Pero Métal Hurlant non é o único vencello de Giraud co cinema. Os seus conceptos visuais, os seus deseños e mais os seus storyboards foron empregados nunha série de filmes fantásticos que inclúen clásicos coma Alien, O Império Contraataca, Tron, Willow, The Abyss, Space Jam e Little Nemo: Adventures In Slumberland (baseado nos cómics orixinais de Winsor McCay, unha das figuras que influiron a Moebius). O realizador co que mais se asociou Moebius foi Jodorowsky, con quen traballou nunha versión de Dune para o cinema que nunca chegou ver a luz. Tamén colaboraron no cómic L’Incal, utilizado por Luc Besson para facer O Quinto Elemento.

Coma colaborador da Marvel, Moebius traballou xunto a Stan Lee nunha minisérie de dous números de Silver Surfer, publicada no selo da Epic Comics en 1988 e 1989. A série é un clásico de culto para calquera afeccionado ao cómic, e gañou o prémio Eisner en 1989.

O impacto de Moebius no mundo do cómic é incalculábel. Entre os artistas que recoñecen que foron inspirados por el figuran nomes coma os de Frank Miller (cuxo Ronin en particular é case un calco do estilo de Moebius), Geof Darrow (Hard Boiled), Hayao Miyazaki (creador de Nausicaä, Porco Rosso ou Totoro), P. Craig Russell (Elric), Frank Quitely (debuxante de Xuíz Dredd ou Batman) e Charles Burns (Dogboy).