As Tartarugas Álien?

0
133

No decurso da recente Nickelodeon Upfront 2012 celebrada no Lincoln Center en New York, o director Michael Bay falou sobre os plans da Platinum Dunes para o seu proxecto de longametraxe baseada nas Tartarugas Ninja, e as súas declaracións non deixaron indiferente a ninguén.

Cando vexades esta película, os rapaces van acreditar que un día estas tartarugas de verdade existen… cando rematemos co filme. Estas tartarugas son dunha raza alieníxena e van ser duras, ao límite, divertidas e completamente adorábeis“, dixo Bay aos xornalistas.

Obviamente a palabra clave neste caso é “alieníxenas”. As tartarugas eran até agora mutantes, non extra-terrestres. O comentário xa espertou toda unha vaga de editoriais e opinións encontradas, por non mencionar o intenso debate xerado nos médios sociais entre os fans.

ACTUALIZACIÓN:

Por mor de todo o balbordo ocasionado, Michael Bay tivo que responder aos comentários negativos dos fans no seu sítio Web oficial cun comunicado que di: “Os fans teñen que tomar-se un respiro e relaxar-se. Aínda non liron o guión. O noso equipo está a traballar de preto cun dos creadores orixinais das Tartarugas Ninja para axudar a extender e dar algo mais de complexidade á súa história. Relax, estamos a incluir todo o que fixo que vos convertárades en fans ao comezo. Só estamos a facer un mundo mais rico“.

Josh Appelbaum e André Nemec (Mission: Impossible Ghost Protocol) están a escribir o guión do filme que dirixirá Jonathan Liebesman e que ten previsto estrear-se en nadal de 2013.