Nova adaptación de 1984

0
166

A Imagine Entertainment e mais a LBI Entertainment unirán as súas forzas para desenvolver conxuntamente unha nova adaptación ao cinema de 1984, o clásico da literatura de ciéncia-ficción de George Orwell.

Ambientada nun mundo onde a guerra é perpétua, cunha constante vixiláncia do governo sobre as persoas e un incesante control do pensamento público, a história céntra-se en Winston Smith, un funcionário que traballa no Ministério da Verdade e que é responsábel da propaganda e do revisionismo histórico.

Por mor dun trauma que sofriu na súa infáncia e que causou a destrución da súa família, pais e irmá, Winston Smith ódia en segredo ao partido governante e soña cunha rebelión que acabe co seu deificado líder, o Gran Irmán.

A novela foi escrita en 1948 e foi adaptada xa várias veces ao cinema. A versión mais salientábel é a realizada no mesmo ano 1984, protagonizada por John Hurt e Richard Burton. Pero sobre todo, a novela é un clásico da literatura que influiu en case todos os eidos: artístico, cultural e mesmo político ao longo das décadas pasadas dende a súa publicación orixinal. O concepto de Grande Irmán é hoxendía sinónimo de autoridade totalitária.

Os produtores, incluindo a Julie Yorn, a Brian Grazer e mais a Ron Howard, están á procura de guionistas que se fagan cargo do material para presentaren aos estudos. Outro dos nomes vencellados ao proxecto é o do deseñador gráfico, ilustrador e artista da rúa Shepard Fairey.