A demanda por Watchmen

0
181

WatchmenUn xuiz ven de denegar a petición da Warner Bros. na que solicitaba que se desestimase a demanda da 20th Century Fox polos dereitos para facer un filme baseado na novela gráfica Watchmen.

A senténcia é potencialmente unha grande vitória para a Fox, que quere facer-se cos dereitos sobre o filme (agora que xa está en produción o único que podería acadar é unha participación nos benefícios), e iso custaría á Warners moitos millóns de dólares considerando as probabilidades de éxito nos despachos de billetes. O proxecto, que leva en desenvolvemento case vinte anos, comezou a se facer realidade finalmente o pasado setembro, con Zack Snyder na dirección. A Warners ten prevista a estrea do filme, que conta con Patrick Wilson e Jackie Earle Haley coma protagonistas, o vindeiro 6 de marzo, o mesmo mes no que se estreara o ano pasado con grande éxito o filme 300, do mesmo director.

O xuiz conclúe decindo que a Fox posúe dende 1991 os dereitos de distribución sobre esta versión da clásica novela gráfica escrita por Alan Moore e ilustrada por Dave Gibbons, e engade que ainda que baixo o acordo asinado en 1994 co produtor Larry Gordon, este adquiriu unha opción para se facer cos dereitos de Watchmen, ditos dereitos nunca foron exercidos, deixando á Fox coma única posuidora dos mesmos segundo o devandito acordo de 1994.