Collet-Serra dirixe “Aquí hai monstros”

0
154

O director de Unknown e Orphan, o catalán Jaume Collet-Serra, está a negociar a posibilidade de se encargar da longamente agardada Here There Be Monsters, unha película que mistura o terror lovecraftián con persoaxes da história real dos Estados Unidos e que producirán a Legendary Pictures e mais a Warner Bros. Pictures.

O argumento do filme vai sobre o heroe naval da Guerra da Independéncia Americana John Paul Jones, pero misturado nunha misión que o levará coñecer a monstros de enormes tentáculos que viven no fondo do mar. Hai unhas semanas coñeceu-se que Bradley Cooper recebira unha oferta para interpretar ao capitán Jones.

Brian Helgeland escribiu o guión orixinal, no que Jones é despoxado erróneamente dos seus galóns polo governo británico e recibe o encargo dun magnate navieiro mercante para que investigue a desaparición de vários dos seus barcos en augas do Atlántico norde. Jones e mais a súa tripulación sospeitan que é a obra dun monstro mariño e deberán loitar contra el para sobreviviren.

Tanto Robert Zemeckis coma Brad Bird foran tentados anteriormente coa dirección deste proxecto, pero ambos declinaron a oferta. A ideia agora é que Collet-Serra poida ter listo o guión para escomezar a rodaxe a primeiros de 2013, unha vez que Cooper remate con The Hangover Part III.

Cooper pola súa banda non recebirá unha oferta en firme até que Collet-Serra remate de reescribir o guión. O realizador continúa de todos os xeitos vencellado a outro proxecto de xénero, neste caso a nova versión de Drácula no filme Harker tamén na Warners.