O realizador australián Alex Proyas (I Robot, The Crow) será o encargado de dirixir The Unpleasant Profession of Jonathan Hoag, un proxecto conxunto da Red Granite, a Mythology Entertainment, a Phoenix Pictures e mais a Mystery Clock Cinema.
Proyas está a escribir a adaptación do guión para a pantalla grande a partir da novela orixinal do mesmo título do clásico escritor de ciéncia-ficción Robert Heinlein de 1942 e que tamén serviu coma inspiración para o filme Dark City, que rodou o mesmo Proyas en 1988.
Jonathan Hoag é un home que se decata de que non ten recordos do que lle acontece ao longo do día. Ante o medo de que estea vencellado a actividades delictivas, decide pedir a un detective privado acostumado a casos matrimoniais que o siga. As súas investigacións levarán a ambos a unha série de terríbeis revelacións que inclúen a un grupo de figuras misteriosas que lles advirten de espantosas consecuéncias se continúan a investigar.
Proyas, Riza Aziz, Joe McFarland, Bradley Fischer, Mike Medavoy, Arnie Messier e Vince Gerardis serán os produtores. A rodaxe escomezará a finais deste ano en Austrália.