A Fenda chega ao cómic

0
185

Captura da capa do cómicNun futuro non moi lonxano, nunha era dominada non polas nacións senón polas grandes empresas na que o hiperespazo e mais a intelixéncia artificial son normais, unha nave experimental pérde-se nun recuncho descoñecido da galáxia. Un home polémico é enviado á súa procura e rescate: William Perez William, enxeñeiro, pirata, vaqueiro, mercenário e poeta; un home que debe enfrontar-se aos seus medos e lembranzas, e que nos conducirá por unha viaxe a través da súa vida e polo pasado, presente e futuro da humanidade.

Este é a grandes riscos o argumento de The Gap, un techno-thriller de ciéncia-ficción en formato cómic que ven de se publicar nos Estados Unidos nunha edición pioneira bilíngüe, en español e inglés. Con guión, entre outros, do noso colaborador habitual e amigo Joseph Remesar, The Gap (A Fenda) fora publicado xa no número 4 de NOVA FANTASIA, aló polo ano 1998, e agora chega ao grande público que constitúe o mercado americano, ainda que conta xa con algunhas ofertas para se editar en Inglaterra.

Polo de agora, e ainda agardando a que nos chegue o noso exemplar, podedes ir facendo boca no sítio Web oficial do cómic, realizado en Flash e cunha técnica envexábel.