O cineasta Alex Proyas (Dark City, Eu Robot) dirixirá a versión cinematográfica da novela curta de Robert A. Heinlein The Unpleasant Profession of Jonathan Hoag, contida na antoloxía do mesmo nome. O própio Proyas escribirá o guión.
A película conta xa cun reparto seica xa está pechado dende hai semanas, ainda que non se revelou ren do mesmo. Proyas está arestora a traballar en Knowing, outra longametraxe fantástica protagonizada por Nicholas Cage, e en A desagradábel profesión de Jonathan Hoag contará cun orzamento de entre 40 e 50 millóns de dólares. O director declarou que “lin esta história cando era un neno, e xa ficou comigo. Forma parte do meu ADN creativo“.
Os xefazos da Phoenix Pictures Mike Medavoy, Arnie Messer e Brad Fischer producirán esta adaptación, que describen coma un complexo thriller psicolóxico cheo de acción e romance. O máis probábel é que o título do filme non sexa finalmente The Unpleasant Profession of Jonathan Hoag e se procure un máis atraínte.
A história, publicada orixinalmente en 1942, vai sobre un indivíduo que ten unha mente perturbada, con extranos pensamentos, incapaz de desenvolver as actividades cotiás e que decide consultar o seu problema a unha axéncia de detectives privados formada por un home e mais a sua muller.
Heinlein, que escribiu unha trintena de novelas e o dobre de relatos de ciéncia-ficción, é ainda unha das principais iconas da literatura fantástica 20 anos após da súa morte. En 1997 produiu-se o clásico Starship Troopers, que recadou 120 millóns de dólares.