O Hobbit en 48 fps non convence

0
204

A proba de pantalla realizada por Peter Jackson antonte perante unha audiéncia da indústria do cinema en Las Vegas resultou cando menos controvertida.

Segundo comentaron várias fontes procedentes de xente que puido ver os aproximadamente dez minutos de mostra da película, o problema non estivo no filme en si mesmo, senón na súa presentación, e concretamente no novo sistema de 48 cadros por segundo que Jackson utilizou na rodaxe.

A reacción á nova tecnoloxía distou moito de ser favorábel, e así, ainda que o público loubou o feito de que todo se vexa mais claro e limpo, e de que se eliminen os problemas estroboscópicos da actual 3D, o problema estivo se cadra en que todo era demasiado perfecto, e así era posíbel ver que os vestidos, os decorados e mais a ambientación eran (como é óbvio) falsas. Ademais, os 48 fps fan que os movementos sexan por veces demasiado lentos, dando en xeral unha impresión pouco cinemática e desfacendo a ilusión máxica que dá o cinema.

Para algúns dos críticos presentes, as escenas semellan própias dunha televisión en alta definición, de tal xeito que semella mais unha retransmisión moderna dun partido de fútbol ca unha película: “foi demasiado preciso, demasiado claro, todo semellaba demasiado brillante“, dixo un proxeccionista. Pola súa banda, un crítico da Web dixo que os movementos borrosos típicos do cinema desapareceran completamente: “e unha voráxine de contradicións comparado coa cheia de contido filmado que vin na miña vida“.

O crítico Alex Billington resumiu as súas sensacións con esta frase: “Os 48FPS son un grande cámbio, un cámbio drástico após 80 anos de secuéncias en 24 fps, que é ao que estamos acostumados. Foi raro, mesmo incómodo de ver“.