Beowulf ou Beovulfo é un persoaxe lendário, protagonista dun poema anónimo que é á súa vez o primeiro escrito en língua inglesa do que teñamos referéncias na História. O idioma no que foi escrito, máis ca inglés, é Anglo-Saxón, pero a súa aparición marca indubidábelmente os albores da Literatura inglesa, e ao tempo, da Literatura Fantástica nesta mesma língua. Para a língua inglesa, o Beowulf é aproximadamente o mesmo cá Odiseia para a língua grega, se a Odiseia fose a primeira obra coñecida escrita en grego (que non-o é, por suposto).
Orixinalmente foi escrito no século VIII, composto para ser recitado polos bardos, do mesmo xeito ca todas as composicións da Idade Média, e narra unha história destiñada a ser escoitada polos anglosaxóns, quen á súa vez procedían dos povos escandinavos. Así pois, o poema desenvólve-se entre Escandinávia e Dinamarca, unha terra daquela case semimítica na que séculos máis tarde o mesmo William Shakespeare situaría ao seu Hamlet. A tradición fantástica inglesa, tan ben explotada por Tolkien (non en van grande coñecedor do Beovulfo) nútre-se dun elemento clave, coma é a orixe nórdica do povo anglosaxón, dando por sentado, coma en todas as tradicións xermánicas, que o Norde ven sendo a terra mítica dos deuses, onde a pureza o branco xeo só é comparable coa do sangue guerreiro dos seus herois.
O poema é tamén o máis longo dos vellos supervivintes en língua anglosaxona: son 3.182 liñas de verso, o que se calcula ven sendo só un pouco máis da décima parte do poema orixinal. Tamén é certo que outros poemas épicos semellantes son máis longos (a Ilíada é cinco veces máis longa, pero o Beowulf está condensado, xa que ao ser de tradición oral, o que hoxe temos non é máis ca un “resumo” do orixinal.
Pola linguaxe empregada é de supoñer que o Beowulf foi composto aproximadamente cara o ano 1000 ao Norde do río Thames, para unha corte con intereses escandinavos. Polo xeito de mencionar certas histórias e contos, seica o poema estivo en circulación oral dende uns 200 anos antes de que un monxe o pasara ao papel. De todos os xeitos, seica tamén hai mencións á mesma obra en documentos datados á morte do rei Alfred (899), o que asegura a súa existéncia alomenos por aquela data.
O texto en sí, tal e coma chegóu á actualidade, fica custodiado na British Library en Londres. É un manuscrito que contén outros catro textos sobre monstros, e está datado aproximadamente contra o ano 1000; a circunstáncia curiosa é que precisamente nesa época, cando o idioma inglés estaba a nacer, o texto, escrito en Anglo-saxón, xa soaba tan extraño aos oídos da xente que practicamente era imposíbel de lér. Após de 1066 xa non había ninguén que poidese entende-lo idioma no que estaba escrito o Beowulf, posto que nesa data o francés foi declarado idioma oficial da Corte de Inglaterra, e entre o povo o idioma máis falado era o mesmo francés. O anglo-saxón soaba tan arcaico para todo o mundo que o Beowulf perdeu tódalas posibilidades que podía tér acadado só 50 anos antes, cando por fin da tradición oral pasara á escrita.
Así, cando de novo a língua inglesa nos tempos de Geoffrey Chaucer (1340-1400) acadóu a súa hexemonía coma única e principal língua de Inglaterra, o Beowulf non era máis ca un montón de verbas absolutamente indescifrábeis para todo o mundo.
Semellaba que o poema épico máis antigo en língua inglesa estaba destiñado a caír no esquecemento, e de feito así aconteceu durante moitos séculos. A língua anglosaxona en si mesma non volvéu ser motivo de interese para os estudosos até que a igrexa de Inglaterra acadóu a súa independéncia da de Roma, pero inda así o Beowulf non recuperou ningún posto de preferéncia. Tivo-se que agardar até o século XVIII, é dicir, mil anos despóis de ser creada por vez primeira, para que o Beowulf fose levado á letra impresa. Pero nin isto mesmo acontecera en Inglaterra, senón en Islándia.
Islándia, pola súa condición de illa, e de illa moi afastada de Europa, gardou durante moito tempo a súa língua orixinal. O islandés é hoxendía a língua máis semellante ao antigo anglosaxón, producíndo-se moi poucas – relativamente, claro – variacións respecto á língua da que procede, polo que o Beowulf, con ser difícil de entender, éra-o máis para os ingleses que para os islandeses. Grímur Jónsson Thorkelin, un islandés residente en Dinamarca, publicóu o Beowulf en 1815 na súa língua orixinal, e tan só cinco anos despóis, en 1820, a obra era traducida por vez primeira, neste caso ao danés, polo poeta Nikolaj Frederik Severin Grundtvig. Algúns extractos desa tradución foron á súa vez traducidos e publicados en inglés, por Alfred Tennyson, entre 1830 e 1831.
Foi un amigo de Tennyson, John Mitchell Kemble, quen traduciu a obra completa ao inglés en 1833. O círculo quedaba así pechado: por primeira vez dende había 800 anos os ingleses tiñan acceso á súa primeira obra literária. Dende entón, os estudos e as traducións non deixaron de xurdir. Debido ás súas múltiples traducións e adaptacións, a obra orixinal gañara asemade unha amplísima audiéncia, polo que o seu rexurdimento pode considerar-se especialmente glorioso.
Coma toda obra épica, o Beowulf tén algunha parte de verdade. Todos os lugares descritos no poema existen realmente, e os povos mencionados tamén. Isto fai-nos sospeitar que Beovulfo fose realmente un rei famoso da súa época, coma podemos igualmente sostér que o Rei Artur foi un rei que verdadeiramente existiu hai séculos, acadando grande sona, o que ocasionaría a criación de lendas e poemas que cantaran (e esaxeraran, por suposto) as súas fazañas.
O tema do Beowulf é polo tanto histórico e lendário ao mesmo tempo, e póde-se considerar coma a história das dinastías que governaron as costas do Mar Báltico e do Mar do Norde durante os séculos V e VI. Foi dende esas costas dende as que os ingleses chegaron á illa de Grande Bretaña, segundo menciona a Crónica Anglosaxona. Dita Crónica afirma que os reis ingleses proceden de Noé, o persoaxe bíblico, o cal por suposto é parte da lenda, pero as crónicas inclúen-se asemade tres nomes tamén mencionados no Beowulf: Scyld, Shef e Beow. Estas coincidéncias fan posíbel sostér que hai parte de verdade histórica nos relatos. De feito, cando no século VII os islandeses converteron-se ao cristianismo, enviaron misioneiros ao continente, daquela é polo que no Beowulf di-se que os daneses “non coñecían a Deus“. Moitas outras mencións a acontecementos certos fan decatar-nos de que o poema é ademáis de todo, unha boa fonte de coñecementos históricos.
Mentres tanto, ao Norde, en Suécia, no país dos Geats, o xoven Beovulfo enterou-se das desgrazas dos daneses e mália os rogos dos seus parentes dirixiu-se a Dinamarca a loitar contra o monstro cun grupo de valentes soldados. Desembarcaron e foron recebidos polo desesperado rei Hrothgar. Beovulfo só puxo como condición que debería ser el só quen derrotase á besta, quen por certo era invulnerábel ás armas. Así pois, Beovulfo decediu mata-la coas súas própias mans. Despois do banquete de confraternidade danesa-xeatslandiana, quedaron sós os guerreiros na sá do trono, e alí, mentres durmían, apareceu Grendel.
O monstro devoróu a un guerreiro, e despóis atrapou ao mesmo Beovulfo. O heroe era demasiado duro de tragar, e á súa vez capturou ao monstro coas súas mans espidas. Ningunha espada poido atravesar a Grendel, pero a mortal aperta de Beovulfo era xa letal para o monstro, que sangrando abondosamente fuxíu ós pantanos. A mañán seguinte, a man do monstro penduraba do teito, e o lago ainda estaba enchido do seu sangue. Beovulfo foi aclamado por todos coma o meirande heroe do mundo e recompensado polo rei con ouro.
Pero mentres, na súa cova, a nai de Grendel choraba ao seu fillo, e preparou a vinganza. Foi ao palácio de Hrothgar e alí matou ao conselleiro do rei e roubóu a man de Grendel. Beovulfo prometeu ao rei que buscaría ao novo monstro e xunto có mesmo rei foron aos pantanos. A beira do lago estaba a cabeza do conselleiro Aecheres.
Beovulfo entrou só no lago, cheo de horrendos monstros, e atopou o agocho da nai de Grendel. A loita foi abraiante e a nai semellaba a piques de vencer cando Beovulfo atopou unha espada tan pesada que ningún otro home podía termar dela. Usando esta antiga espada dos Geats, Beovulfo arrincou-lle a cabeza á nai de Grendel. Mentres tanto, o rei Hrothgar xa tiña a Beovulfo por morto, e regresara ao seu palácio.
A espada de Beovulfo estaba a se disolver co sangue do monstro e a Beovulfo só lle ficou a empunadura coma proba da súa fazaña. Con ela, saiu á superfície do lago, onde os seus compañeiros o recebiron con grande ledícia. Beovulfo volveu onda Hrothgar, levando a cabeza de Grendel, a acadando así de novo unha sona de mérito. O rei recompensou-lle con doce tesouros. Beovulfo regresou a Geatlándia á mañan seguinte, tras se despedir do agradecido rei de Dinamarca.
Pero o poema non remata aí, porque anos despóis atopámo-nos con Beovulfo convertido xa en rei dos Geats, sendo un rei sábio e xusto, cando xurde unha nova ameaza: un dragón que quería vingar-se dos Geats porque un ladrón geatlandés roubara-lle unha cunca do seu tesouro. Pero o tesouro non era, en xustiza, do dragón, e Beovulfo, cuia mesma casa fora destruída polas lapas do dragón, estaba furioso: decediu voltar a loitar, mália contar xa con case 70 anos.
Beowulf ordeóu que lle fixeran un escudo de ferro, para que o dragón non-o queimase, e con once compañeiros foi ao agocho do monstro. O vello rei entrou na caverna e atopóu o tesouro, pero daquela apareceu o dragón, presto a defende-lo. A espada do rei Beovulfo non era abondo para ferir á besta, e cando todo semellaba desesperado aparecéu o xoven Wiglaf, o único que se atrevera a acudir á axuda do seu rei. Wiglaf meteu a súa espada na boca do dragón, e as lapas foron deminuíndo. Animado por isto, Beovulfo, nun derradeiro esforzo, rachou o ventre do dragón en dous.
Pero Beovulfo estaba ferido de morte. O dragón conseguira na loita traba-lo pescozo do vello rei, envelenándo-o. Moribundo, sentou-se nunha rocha, e pediu a Wiglaf que saca-se o tesouro. Cando Wiglaf volveu, ao rei quedába-lle ben pouco de vida, así que entregóu-lle a súa cadea de ouro e pedíu que lle fixesen un túmulo. Non queda moi claro que Beovulfo nomea-se herdeiro a Wiglaf, pero éste comportóuse coma tal.
A moralexa e epílogo da história é que o povo dos Geats foi cobarde ao non querer axudar ao seu rei, e por iso desapareceu dos anais da História, pero antes adicou os seus esforzos a cumprir as derradeiras vontades de Beowulf. O tesouro foi recuperado, o dragón arroxado ao mar, e Beovulfo soterrado no alto dun promontório.
A Crónica Anglo-Saxona, que non pretende ser épica senón histórica, di que en Northumbria foron vistos voando feros dragóns no ano 793. O mesmo Beowulf fai mencións a deuses monstrosos, coma indicando que ainda que o deus dos cristiáns existe, os outros deuses e monstros non son menos reais. Nun mundo de marabillas non explicadas pola ciéncia, non era de extrañar que o povo simple e non tan simple acreditase sen dubidar nas miragres de santos, monstros e dragóns.
Nombergantes, moitos historiadores actuais opinan que os monstros de Beowulf só son alegorías: da envexa, da ira, e da cobiza. Neste senso “alegórico”, mesmamente o Beovulfo morre por ser tan cobizoso… de fama. Esta perspectiva meramente cristiá de Beowulf é furiosamente defendida por Tolkien e outros autores católicos e sen dúbida explicaría moitas cousas. Pero se cadra, non é a que nos cómpre a nós, quen disfroitamos da Literatura Fantástica sen tér que dar explicacións dos nosos actos. A Fantasía hoxe xa é libre mesmo dos deuses dos homes modernos, tal e coma o foi hai mil anos tamén, cando os contos naceran na boca dos seus creadores, os bardos.
Imposíbel de entender polos galegofalantes, o manuscrito orixinal do Beowulf ten unha estupenda edición na colección Penguin Classics, da que só os filólogos poden facer un bó uso. Unha aproximación máis axeitada sería en inglés actual, da que existe unha asequible por Wordsworth Classics. En español, o libro pode ser atopado na colección “Letras Universales” de Cátedra. Na nosa língua ainda non foi traducido… e mil anos despois seguimos agardando.
Recursos na rede:
The Electronic Beowulf
O texto orixinal, en idioma anglo-saxón