Fringe chegará á quinta tempada

0
184

A lexión de seguidores da série de televisión de fantasía e ciéncia-ficción Fringe está de noraboa, porque hai unhas poucas horas a cadea Fox ven de anunciar oficialmente que a renovan para unha quinta tempada, que será a derradeira e que terá trece episódios, para que deste xeito cheguen á cifra simbólica de 100, os que son precisos para poder sindicar legalmente a série. Nos Estados Unidos, “sindicar” unha série sinifica que esta pode ser emitida por outras canles, co que aumentará expoñencialmente a súa popularidade: o caso mais famoso foi o de Star Trek nos anos 70 (a série orixinal é de finais dos 60).

As negociacións entre a cadea e mais a productora (a Bad Robot Productions, propiedade de J.J. Abrams) levaban meses abertas pero intensificáran-se nos últimos días. Agardába-se un anúncio oficial dende había un par de semanas nun sentido ou noutro, pero o luns Joel Wyman, produtor executivo, anunciou na súa conta oficial de Twitter que a renovación estaba por se producir esta mesma semana, coma así aconteceu finalmente, e tan só uns días despois de que Fringe emitise ún dos capítulos mais espectaculares da tempada, que deu un xiro moi intrigante ao guión.

Á Fox non lle treme precisamente a man á hora de cancelar séries que son queridas polo público se non chegan a un nivel abondo alto de audiéncia e Fringe levaba uns días moi por baixo dese límite, mesmo baixando do 1% de seguimento, pero as boas críticas, a lexión de fans e, sobre todo a rebaixa da taxa de licenciamento resultaron definitivas para traer de regreso a série a vindeira tempada, para a que os guionistas poderán preparar un final con tranquilidade.