Edmond François Valentin About (Dieuze, Franza 1828 – París 1885) non é un autor dos que todo o mundo coñece, nin tan sequér aqueles que poidan crér-se razoablemente eruditos no eido da Literatura. E os que o coñezan ben pouco poderán dicir respeito del. Foi publicista e novelista, pero especialmente un xornalista que fundóu un xornal de seu, XIXe Siècle, no que baixo unha apariéncia de oposición, adicába-se a apoiar ao Governo. Pero alén diso escribiu várias novelas que se fixeron rápidamente populares non só pola sona do seu autor, senón porque ademáis as súas obras estaban cheas dalgo pouco frecuente, a fantasía, se ben daquela se lle chamou farsa.
A farsa é un xénero teatral moi antigo, cuxos primeiros exemplos datan da Idade Média, pero no século XIX evolucionou até se converter case en sinónimo de comédia. Nel sempre habería un reparto reducido, con 3 ou 4 personaxes de estrato social baixo, tipos mediocres moral ou intelectualmente, pero os temas clásicos (amor, autoridade, obediéncia aos amos, engano) ampliáron-se enormemente… até incluír por primeira vez á fantasía derivada dos avances científicos, algo que hoxe xa non temos problema en chamar ciéncia-ficción.
Coas súas primeiras obras e por mor das súas opinións contrárias á igrexa, gañára-se cedo a animosidade dos reaccionários, pero iso non-o detivo nunca. Escribiu novelas, contos, artigos, críticas e mesmo manuais de economía. Pero sobre todo é relembrado polas súas “farsas”: Le nez d’un notaire (1862); Le roi des montagnes (1856); L’homme à l’oreille cassée (1862); Trente et quarante (1858) e Le cas de M. Guérin (1862). A súa primeira obra, Le Roi des montagnes, (O Rei das montañas, 1857) é unha sátira da Grécia do seu tempo, moi de moda daquela porque viña de acadar a súa independéncia dos turcos nunha cruenta guerra na que participóu case toda Europa (agás España) en apoio dos gregos.
Políticamente About era crítico co Império de Napoleón III, pero apoiou a fracasada guerra contra Prúsia. Após da humillante derrota francesa, perdeu a súa casa en Alsácia e decediu-se a apoiar definitivamente á República. Dende 1872 a 1877, o seu xornal foi moi popular, pero a súa carreira política non puido avanzar. O 23 de xaneiro de 1884 foi elixido membro da Académia Francesa, pero morreu antes de poder tomar posesión do seu asento.
About era un home ao que sobre todo gostába-lle facer humor e crítica social coas súas novelas. Nombergantes, con L’homme a l’oreille cassée (O home da orella rachada, 1862), vai alén da súa habitual sátira social, facendo algo que soa ben rariño: ciéncia-ficción. Nesta novela, unha das súas tres máis famosas, cónta-nos a história de Fougás, un soldado da Armée de Napoleón que é capturado polos alemáns e feito prisioneiro mentres tentaba cumprir unha misión. É condeado a morte, pero antes de ser executado, o doutor Meiser, un típico “científico tolo”, píde-lles aos seus captores que lle entreguen ao soldado para facer un experimento con el. Os alemáns, coma de todos os xeitos ía morrer, dan-llo de boa gana, e daquela o doutor aproveita para converter a Fougás nunha mómia, quitándo-lle mediante extraños procedementos toda a auga do corpo, é dicir, desecándo-o.
O experimento resulta ser un éxito e Fougás non morre, senón que é gardado nese estado durante corenta anos. Pero nese tempo o doutor falece, deixando en herdanza os seus bens á mómia para cando sexa resucitada (para o cal tan só se precisaría “engadir auga”, coma se dun alimento precociñado falasemos). A mómia queda nun caixón, que pasa a poder dun sobriño do doutor, quen cobizosamente garda o segredo da “resurrección” para se poder facer cos cartos de seu tío.
Chegado un momento, un tal Leon Renault, enxeñeiro civil que ven de chegar de Ucraína, merca o baúl ao seu dono e léva-o a Franza, onde pensa casar coa súa noiva de sempre. Pero esta noiva, por motivos descoñecidos, semella namorarse da mómia e Leon non ten máis remédio que comprace-la, tentando resucita-la. Efectivamente, ao cabo acada o seu obxectivo e o soldado Fougas volve á vida. A sorpresa ven cando unha vez resucitado, ataca aos seus benfeitores e namóra-se da moza de Leon, quen por máis inri semella estar compracida co galanteo.
Tras duns cantos embrullos familiares todo fica aclarado e o soldado remata suicidándo-se ao descobrir que xa non tén ren que facer nesta vida, corenta anos despóis da súa morte oficial. Edmond About non pode resistir-se a incluír un final moralizante no que se recomenda á raza humana non xogar coas cousas divinas, pero inda así os seus “experimentos científicos” constitúen unha boa mostra da gaguexante ciéncia-ficción, que daba os seus primeiros pasos se cadra na busca de motivacións moralistas, pero avanzando polo camiño da ficción, alumeada por ese novo monstro, a Ciéncia que semellaba estaba por explicar todo o mundo a mediados do século XIX.
O título de Orella Rachada non resultará estraño aos fans de Tintín: en efecto, no álbum de 1937 L’oreille cassée fíxo-se-lle a About unha pequena homenaxe, ainda que só fose no título. O que é mais ca unha homenaxe é o filme de 1934 L’homme à l’oreille cassée, protagonizado por Thomy Bourdelle, Jacqueline Daix e Alice Tissot e dirixido por Robert Boudrioz, enteiramente baseado na novela de About e que se ben non é unha obra mestre do cinema galo si que é mostra de que a súa obra non é descoñecida para o público. O que podería resultar curioso (de non ser polo que xa sabemos sobre o ódio dos franceses á ciéncia-ficción e á fantasía en xeral) é que a película foi definida coma “comédia dramática”
Após do éxito de L’homme a l’oreille cassée, About non tardou en escribir unha nova obra que ainda que xa non é totalmente encadrábel no xénero da ciéncia-ficción, si que contén abondosos elementos fantásticos que poden converter o seu traballo nun interesante antecedente da ficción científica. Refíro-me a Le nez d’un notaire (O narís dun Notário, 1862).
Nesta seguinte novela o protagonista será un notário francés que se adica a percorrer os cabarets parisinos na procura dalgunha dama á que poder “reconverter” á pureza casando con ela. Como non-a dá atopado, ten-se que conformar cunha rapaza á que lle pide saír. Ela acepta, pero nisto que un turco, que tamén estaba a facer as beiras á mesma muller, considéra-se aldraxado na súa honra e desafía ao Notário a un duelo a morte.
O Notário acepta encantado, xa que é un experto no sable. Aínda así, a fúria do turco é a que vence, e dunha zarascada arrínca-lle o narís ao Notário. Éste desespera, por suposto. Agora xa non só non atopará muller coa que casar, senón que ningunha quererá mesmo achegar-se a el, coa face deformada tan horribelmente. O arrepentimento do turco non vale de nada: buscan o narís, a ver se algún médico a pode coser de novo, pero un gato pasa por alí e pápa-a.
Nun relato a cabalo entre a ficción científica, o terror gótico e a sátira social, o Notário atopa unha solución: un médico di-lle que pode reconstruir un narís cun chisco de pel do seu brazo. O Notário néga-se; non quere que lle volvan curtar máis partes do corpo, pero nese intre aparece o augador do bárrio e ofrécen-lle un trato: un anaco da súa pel en troques dunha chea de moedas. O malo é que para evitar o rexeitamento, o Notário e mais o augador deberán vivir pegados por unha ferida no brazo durante un mes alomenos.
Finalmente fai-se a operación e o Notário tén que aturar ao seu carón durante todo ese tempo ao augador, quen a teor do seu cheiro e mália o seu ofício seica non tocaba moito o líquido elemento. Por fin pasa o prazo e a operación póde-se completar, o Notário recibe o seu narís e ao augador búscan-lle un emprego millor, en agradecemento.
Nun primeiro intre todo semella ir á perfección e todos admiran o novo narís do Notário, pero pouco a pouco descobren que o que faga o augador vai tér consecuéncias sobre o narís. Se o augador tén boa saúde, o narís estará ben; se o augador enferma, o narís pon-se bermello e enrugado. O Notário desespera tentando procurar un bó emprego para o augador, no que estea feliz e gañe moitos cartos, todo con tal de non mante-lo na súa casa.
O final é, coma na outra novela, moralizante, inda que menos có anterior. Aquí impera moito máis o humor e as situacións cómicas, e o remate tén moito de todo isto. De todos os xeitos, o feito de que novamente se nos advirta contra os “adiantos” da Ciéncia non podía fallar.
Ai, se Edmond About coñecera a clonación…!
* * *
Bibliografía:
L’homme à l’oreille cassée
Le Nez d’un notaire
[A versión orixinal deste artigo foi publicada no número 0 de NOVA FANTASIA, na primavera de 1997]