Charles Lutwidge Dodgson foi o nome verdadeiro do autor das “Aventuras de Alícia no País das Marabillas” (Alice’s Adventures in Wonderland), e de “A través do Espello” (Through the Looking Glass). Nado o 27 de xaneiro de 1832 en Daresbury (preto de Manchester, Inglaterra), foi o terceiro fillo de Charles Dodgson, quen era o párroco desa localidade e reitor de Croft en Yorkshire a partir de 1843. Charles foi o terceiro fillo, pero o primeiro entre os varóns, polo que lle correspondía ser o único que estudase, e así en 1844 comeza a súa ensinanza secundária no coléxio de Richmond. Atá entón, é dicir, atá os doce anos, educára-se no seo da sua própia família.
Á tenra idade de 13 anos, en 1845, xa reuniu nun manuscrito titulado Useful and Instructive Poetry (Poesía útil e instrutiva, que foi publicado en 1954) unha série de traballos infantís que preludian de xeito extraordinário a sua produción literária posterior, até o punto de conter o núcleo de diversas paródias e xogos de palabras de “Alicia”. O mesmo ano escribe unha obra semellante, o mesmo cá anterior só por divertir á súa família, pero que non-a coñecemos hoxe máis que polas referéncias do seu biógrafo Collingwood, xa que non foi atopada até agora.
En 1846 ingresa no coléxio público de Rugby, unha das institucións inglesas con máis sona (xa o era daquela, ainda que non inventaran ainda o seu famoso deporte). Durante este periodo, no que estivo afastado da súa família e foi moi penoso para el, comeza o seu interese polo teatro, orgaizando espectáculos de monicreques. Tamén segue escribindo obras menores, que logo serían axuntados en 1850 en The Rectory Magazine (o título alude á reitoría de seu pai). Esta obra nunca foi publicada na súa integridade, pero si recollida parcialmente noutras publicacións posteriores. Outras obras semellantes foron Guida di Bragia, publicado en 1931, o mesmo ca Rectory Umbrella. Asemade, comeza tamén escribir Mishmash.
En 1851, con 18 anos, ingresa na Universidade de Oxford. Matricúla-se no Christ Church College, o lugar onde xa residirá atá a súa morte. Uns días despóis de ingresar el, mórre-lle a nai, o que lle produciu unha fonda impresión. Moitos apañan a este feito a súa decisión de se esquecer do mundo dos adultos e de vivir nunha nenez permanente. O ano posterior aproba con éxito os seus exames e se lle outorga un posto de estudante, que de feito o converte en membro vitalício do Coléxio. Comeza destacar particularmente nos seus estudos matemáticos, mentres continúa escribindo Mishmash e vai publicando artigos coma The Lady of the Ladle ou Wilhelm von Schmitz nalgunhas revistas.
Por fin, en 1854 obtén a súa licenciatura e coméza-se preparar para a ordenación de diácono, o paso prévio ao sacerdócio. Ao ano seguinte entra en contacto con Edmund Yates, director do Comic Times, onde Dodgson publicará paródias poéticas e algúns contos curtos. Algúns críticos opinan que foi Yates quen lle suxeriu o pseudónimo de Lewis Carroll, se ben a semellanza fonética co apelido Liddell (do que falaremos mais adiante) é máis ca sospeitosa.
En 1856 Yates lanza a revista The Train, para a que Carroll, usando por primeira vez o seu novo alcume, escribe diversos poemas cómicos e brincadeiras de dubidoso gusto. E é entón cando coñece a Alice Liddell, unha nena de tres anos de idade, e a través dela inícia relacións coa súa família, veciños seus en Christ Church. Tamén neste ano ve no teatro á actriz infantil Ellen Terry, de oito anos, con quen manterá unha longa e tormentosa relación.
Dodgson era un grande matemático, pero coma todos os bós matemáticos, un pésimo mestre. O seu fracaso cos alumnos é evidente e coméza-se afeccionar por outros temas para o esquecer. Escribe libros de matemáticas canda as súas clases e comeza coñecer o novo arte da fotografía, do que chegou ser un notábel mestre. Alice Liddell pousou frecuentemente para a súa cámara (véxa-se a nosa foto da portada), moitas veces totalmente espida. As críticas por tan incalificábel conducta ainda tardarían en chegar, mália vivir en plena época victorián, ou se cadra precisamente por elo, e así, inda en 1858 publica anónimamente The Fifth Book of Euclid treated algebraically by a College Tutor, e en 1860, A Photographer’s Day Out, asinado por Lewis Carroll.
As súas relacións con Alice e con Ellen fan-se cada vez máis e máis escuras, con claros síntomas de pederástia. A BBC emitiu a comezos do ano 1998 unha reportaxe na que se demostraban as relacións pouco claras de Dodgson coas súas amiguiñas, e deixando entrever que a súa família agochou diários e cartas para evitar unha pública humillación. Pero o que non poideron agochar foron dous poemas, Rules for a Court Circular e Faces in the Fire, onde por primeira vez aparece unha nota melancólica e se cadra unha derradeira mención ao establecemento dunha relación amorosa. Non sabemos de certo se as relacións de Dodgson coas nenas chegaron ser físicas, pero o que si é evidente é que estivo namorado delas toda a vida e de que estes poemas foron escritos para elas.
Os seus preceptores espirituais decátan-se da súa difícil situación, e ainda que en 1861 Dogson é ordeado diácono, obrigan-o a non continuar a súa carreira eclesiástica, que ficou parada para sempre nese punto. O 4 de xullo de 1862, realiza a famosa excursión en barca polo río Támesis con Alicia Liddell e mais as súas irmás, onde improvisou o núcleo esencial de As aventuras de Alicia baixo terra. A protagonista do relato, a Alícia real e auténtica, non a do conto, que só era unha paródia dela, ou sexa Alice Lidell, moito máis tarde relataría como eses contos caprichosos lles foron relatados a ela e ás súas dúas irmás, Lorine e Edith: “Moitos dos contos do señor Dodgson fóron-nos contados nas nosas excursións polo río preto de Oxford. Coido que o comezo de “Alicia” foinos relatado nunha tarde de verán na que o sol era tan ardente que desembarcáramos nun prado situado corrente abaixo do río e abandoáramos o bote para nos refuxiar á sombra dun palleiro. Alí, as tres repetimos a nosa solicitude: cónte-nos unha história. E así comezou o seu relato, sempre fermoso. Algunhas veces para nos mortificar ou porque estaba canso, o señor Dodgson detíña-se de súpeto dicíndo-nos: isto é todo, até a vindeira vez. Ah, pero esta xa é a vindeira vez!, exclamabamos as tres ao unísono, e despóis de várias tentativas para o convencer, a narración reanudába-se novamente“.
Ao cabo, nese mesmo ano Dodgson publica por fin Mishmash e ademáis aparece un libro titulado College Rhymes, onde se recollen diversos poemas de Carroll. Simultáneamente publica A Syllabus of Plane Algebraical Geometry, asinado por Dodgson, e Notes on the First Two Books of Euclid. Tamén aparece Notes on the First Part of Algebra.
En 1863, dado o éxito de “Alicia” entre as suas amigas, é por fin convencido para reescribir o conto e publica-lo. A editorial McMillan, de Londres, acepta a edición e John Tenniell as ilustracións. Pero ainda tardaría dous anos máis en ter rematado o manuscrito, polo que mentres tanto publica unha nova obra matemática, The Enunciations of Euclid, esta vez anónimamente, e ademáis a primeira das súas obras de pasatempos de lóxica matemática, Croquet Castles for Five Players. Estas obras fixéron-se moi populares, e hoxendía calquera pode ve-las citadas por Martin Gardner ou Isaac Asimov nos seus libros máis científicos. Ao ano seguinte edítan-se vários artigos verbo do Examination Statute, o primeiro dos seus traballos adicados a temas propios da universidade e do seu sistema escolar. Polo mesmo xeito foi o seu A Guide to the Mathematical Student, que mália o nome, os seus alumnos non remataron de dixerir.
Por fin, en 1865, ademáis de The New Method of Evaluation as Applied to Pi, e dalgúns artigos cómicos coma The Dynamic of a Particle, publíca-se Alícia no país das marabillas, que moi cedo convérte-se nun éxito rotundo, sendo lido en toda Inglaterra e espallándo-se aos países anglosaxóns. Tanto Alice’s Adventures in Wonderland coma Through the Looking-Glass, and what Alice found there (1871) foron ilustrados polo famoso debuxante inglés John Tenniel (algúns deses debuxos acompañan a este artigo), e inda que posteriormente os dous volumes foron ilustrados por moitos outros artistas, foron e son os debuxos de Tenniel os que acadaron a fama e maila admiración do público. Cónta-se que a mesma Raíña Vitória ficou engaiolada cos dous libros, e pediu que lle trouxeran todo o que Dodgson escribira. A súa decepción debeu ser enorme cando se decatou que todo o demáis non eran máis ca chumbentas obras matemáticas que ela non puido comprender.
En 1866 publica The Elections to the Hebdomadal Council, verbo das eleccións a este particular consello. Comeza escribir cartas á Pall Mall Gazette (a derradeira apareceu en 1877) sobre temas oxoniáns en xeral, e por fin o escándalo estoupa. Por mor das devanditas opinións sobre temas universitários, gáña-se a inimizade do pai de Alice, e cando a cativa revela o verdadeiro senso da súa relación con Dodgson, a nai de Alice proíbe-lle volver ve-lo nunca máis. Os feitos non foron denunciados perante as autoridades e a família tentou acala-los o máis posíbel, ainda que Dodgson seguiu emperrado moitos anos, escribindo cartas inflamadas a Alice, amáis de continuar facendo referéncia ás pervertidas relacións no seu seguinte libro, que comeza escribir no ano 67: A través do espello. A universidade recoménda-lle que faga algo para acalar ás críticas, e ve-se obrigado a facer unha viaxe nada menos que a Rúsia.
O ano seguinte morre o seu pai, quen xa era arquidiácono de Ripon, pero Dodgson segue nos seus trece emperrado en causar polémica e publica un artigo satírico sobre a universidade que lle daba de comer: The Offer of the Clarenton Trustees. Tamén continúa coas súas publicacións de lóxica matemática: The Telegraph Cipher e The Alphabet Cipher.
En 1871 remata o manuscrito de A través do espello e o que Alícia atopou alí, de novo publicado por McMillan e ilustrado por Tenniell, ainda que esta vez de mala gana, se cadra advertido sobre o verdadeiro sinificado das paródias e as alusións que se fan no texto. Dodgon segue moi anoxado con Liddell, por lle impedir ver á súa filla, e ao ano seguinte aparecen senllos escritos anónimos, The New Belfry of Christ Church e The Vision of the Three T’s, nos que ataca os proxectos arquitectónicos de Liddell. Ademáis, comeza escribir Sylvia and Bruno.
A Universidade non pode evitar que continúe a polémica entre dous dos seus máis ilustres membros: en 1874 reedítan-se ou recollen diversas obras matemáticas anteriores e igualmente os seus panfletos oxoniáns baixo o título Nores by an Oxford Chiel. Mália isto, continúa escribindo máis libros euclidiáns novos, e remata a composición do poema fantástico Á caza do snark, que sairía publicado ao ano seguinte. Pola súa banda, comeza concentrar-se maiormente en temas de lóxica, escribindo dúas novas obras. En 1878 aparece a primeira edición dos seus xogos lóxico-matemáticos con palabras en WordLinks e en 1879, Doublets. Ademáis, ese mesmo ano, aparece a súa millor obra matemática, Euclid and his modern rivals, asinado por Dodgson.
Pero Alice Liddell ainda estaba no seu corazón (se cadra, porque non-a vía dende había tempo, xa que a nena medrara e estaba a piques de casar). En 1877 edita diversos traballos relacionados con Alícia: An Easter Greeting to every child who loves Alice e Fame’s Penny Trumpel. O escándalo perségue-o, e en 1880 non ten máis remédio que abandoar o seu hobby predilecto, a fotografía, cando se lle descubren os centos de retratos de Alice e Ellen que agochaba, moitos deles coas nenas espidas. Pero a súa obsesión non ten límites, e xa que non pode fotografar, adíca-se a debuxar. Xunto á artista Gertrude Thomson comeza debuxar nenos espidos. En 1881 publicaría Lanrrick, unha das súas derradeiras producións adicadas a Alice Liddell.
De todos os xeitos, xa se comezaba a adicar máis en profundidade á lóxica, e a partir de 1879 escribe unha série de cartas ao Educational Times e artigos sobre regras de xogos para The Monthly Packet. En 1881 reedítan-se todas as sús obras sobre as matemáticas de Euclides, e tres anos despóis comeza escribir un tratado de Lóxica que o tería ocupado o resto da súa vida. Dodgson sofre de insómnio e fica moitas noites esperto pensando nos problemas de lóxica. En 1887 publíca-se un xogo comercial (algo así coma o cubo de Rubik) do seu xogo de lóxica, que foi inspirado polas súas clases nun dos coléxios de nenas aos que adoitaba ir. En 1890 edítan-se máis regras de xogo, e curiosamente afirmará alí que el non é Lewis Carroll. En 1888 publica a primeira parte de Curiosa Mathematica e atréve-se a incluír moitos artigos moralizantes sobre o teatro, coma The Stage and the Spirit of Reverence, e Stage Children.
Os seus derradeiros escritos sobre a universidade teñen datas de 1881 a 1886, con artigos sobre sistemas electorais e cartas á St. James Gazette. Por fin, cando tan só contaba con 49 anos de idade, en 1881, obrígan-lle a abandoar as clases no coléxio (os profesores daquela non tiñan idade de xubilación, e o normal era que atenderan aos seus alumnos atá o mesmo día da súa morte). Para o compensar, é nomeado “conservador” do fogar do Coléxio, e mesmo isto tóma-o a chiste, publicando algunhas brincadeiras en Twelve months in Curatorship e Three Years in a Curatorship.
O mesmo 1881 comeza a adaptación de Alícia ao teatro e coma libro de nenos, e en 1889 publica por fin Sylvia and Bruno, un conto de calidade xa moi inferior. Dez anos despois, cando contaba con 59, por fin poderá ver a Alice Liddell de novo. Agora ela é a señora de Hargreaves e asegura que non lle garda rancor, o que serve para acougar a súa conciéncia, cando xa lle quedaban poucos anos de vida. En 1892 remata a publicación de Papers on Logic, nove problemas de lóxica aparecidos separadamente dende 1886, e tamén Challenge to Logicians.
Xa adicado en exclusiva á lóxica, en 1893 publica Syzygies and Lanrick e Curiosa Mathematica, II. Igualmente Sylvia and Bruno Concluded, onde recolle una série de xogos lingüísticos, así coma en Pillow Problems. En 1894 ven a luz Problems of Symbolic Logic, A disputed point of Logic, A Theorem in Logic, A Logical Paradox, A Logical Puzzle, e O que a tartaruga lle dixo a Aquiles, todos eles libros matemáticos e sen asinar. No ano 1896 sae Lóxica simbólica, parte I, Elemental, ainda que a segunda parte non aparecerá xamáis; e por fin, o 14 de xaneiro de 1898 Charles Dogson morre por mor dunha bronquite, só uns días antes de cumprir os 66 anos.
* * *

Sinceramente, e ainda que a moitas delas non lles falta calidade, non podemos recomendar a lectura das traducións das obras de Carroll. Se calquera tradución implica sempre un certo grao de traizón ao orixinal, no tocantes a “Alícia”, a única maneira axeitada de se achegar a elas é na língua orixinal, para as disfroitar coma merecen. Así que por pouco bó que sexa o teu nivel de inglés, podes le-las sen medo, e con moitas esperanzas de diversión lóxico-matemática asegurada. Se cadra, é por iso polo que “Alícia” é tan abraiantemente popular no eido anglosaxón, mentres que os latinos apenas se poden dar creto á súa sona, sen comprender a que ven tanto entusiasmo. “Alicia” é un suposto conto para nenos pero cun fortísimo contido onírico, é un soño (así o describe o mesmo libro) e polo tanto calquera cousa é posíbel nel. Por exemplo, a caricatura da sociedade vitorián, dos seus xeitos de educación, dos seus costumes, do seu idioma, da lóxica mesma, e dos seus peculiares habitantes. Mesmo esa raíña de corazóns, tan semellante nos debuxos de Tenniel á mesmísima Raíña Vitória: unha broma particular para os ingleses da época, pero tamén para todos os que se sinten identificados con ese tipo de sociedade.
O seu xeito de escribir, rápido e incisivo, no que as escenas de acción pasan con velocidade, que algúns críticos consideran precursor do dadaísmo, e no que en apenas tres liñas Alícia vai dun lugar a outro, xusto coma nun soño, mentres ca noutras as situacións descríben-se con meticulosidade, contribúe a dar esa sensación de que mália estarmos fronte a seres e situacións imposíbeis, todas son comprensíbeis e son ao mesmo tempo divertidas e intelixentes. Se cadra é por iso polo que estes “contos para nenos” non-os poden lér os nenos, que non-os dan comprendido, pero si os maiores, que son os que de verdade se divirten con eles.
As obras de Dodgson sempre ficarán na nosa lembranza coma unha mostra de xénio mália o seu noxento xeito de creáren-se. Hoxe, que xa non podemos facer ren agás unír-mo-nos á festa que se está a celebrar ao longo de todo o presente ano en Inglaterra, só podemos confiar en que se esqueza definitivamente a figura de Charles Lutwidge Dodgson e que viva por sempre a de Lewis Carroll, e sobre todo, a de Alícia e os seus mundos marabillosos.
[Este artigo foi publicado orixinalmente no número 5 de NOVA FANTASIA, verán de 1998]