Arthur Machen, ún dos escritores mais salientábeis no xénero de terror gótico de finais do século XIX e princípios do século XX, precursor dos Mitos de Cthulhu e referéncia imposíbel de esquecer para calquera afeccionado ao xénero fantástico, naceu baixo o nome de Arthur Llewelyn Jones en Caerleon-on-Usk, no condado de Gwent, ao Sul de Gales, o 3 de marzo de 1863, fillo dun pastor anglicano, John Edward Jones, vicário da pequena igrexa de Llandewi, preto de Caerleon. E foi na escola primária cando o pequeno Arthur adoutou coma alcume o nome de solteira da súa nai, Machen, porque o seu pai precisaba do apelido para poder herdar da súa muller.
Gales é de feito un lugar semellante á Galiza: de orixes celtas, foi conquistada polos románs, e despóis afundida baixo o peso dun poderoso império, neste caso o británico. E inda así, arranxou-se para seguir conservando orgullosamente case todos os seus costumes e tradicións, língua incluida. Machen estaba dende neno fascinado polas ruínas románs de Isca Silorum, moi preto do seu lugar de nacemento, e que viñan de ser descubertas daquela. O tema román daría moito de si na súa futura obra de ficción.
De todos os xeitos, as pegadas dos románs eran e aínda son-vos moi numerosas en Gales. A mesma igrexa do pai de Machen contiña inscricións e baixorrelevos. Coma neno solitário, Arthur tamén admiraba as faldras do río Soar Brook, e máis tarde as Montañas Negras ao norde, entre a fraga de Wentwood e mais o val do Severn. Asistiu ao Hereford Cathedral School aos 11 anos, pero suspendeu o exame de entrada no Real Coléxio de Cirurxáns no ano 1880, e dado que o seus pais non podían permitir-se dar-lle unha educación universitária, Arthur tivo que marchar a Londres a tentar gañar-se a vida.
Xa xusto antes de marchar de Gales publicara unha edición privada da súa primeira obra, o poema Eleusinia, en 1881, nunha tirada de só cen cópias. Máis tarde tentou destruir todas elas, seguramente avergoñado pola súa escasa calidade, pero segundo as súas mesmas palabras, ainda ficaron dúas cópias intactas do panfleto. Porén, ningunha delas chegou a nós.
En Londres Machen tiña a esperanza de se converter nun xornalista e facer-se deste xeito unha carreira, pero de novo fracasou e tivo que traballar coma empregado nunha imprenta e coma tutor para evitar morrer de fame. Machen era un home solitário e apaixonado daquela, ainda novo, pero máis tarde convertiría-se nunha persoa extrovertida. Cando o seu pai finou en 1887 deixou ao seu fillo unha considerábel suma de cartos, polo que de súpeto pasou ser unha persoa económicamente independente durante os seguintes quince anos. Nesta “Grande Década”, que xeralmente se adoita establecer dende 1889 a 1899, Machen escribiu moitas obras importantes, incluindo a tradución das Memórias de Giacomo Casanova, e por suposto, os contos fantásticos que lle deron a súa ben merecida fama: The Great God Pan, The White People, a súa novela encadeada The Three Impostors e moitas outras, que incluindo a posterior The House of Souls e a novela case autobiográfica The Hill of Dreams (para moitos, a súa obra mestra) e The Secret Glory, foron daquela condeadas coma “froitos dunha imaxinación enferma” pola crítica da época. Algunhas desas críticas foron xuntadas no volume Precious Balms.
Na década dos anos 1880 Machen escribiu algunhas obras menores, coma a tradución do Heptamerón de Margarida de Navarra, o tratado The Anatomy of Tobacco (sobre a “Anatomía da Morriña” de Burton) e a novela Crónica de Clemendy. A tradución do francés do Heptamerón foi-lle encarregada polo libreiro e editor George Redway de Covent Garden, quen contratou a Machen coma vice-editor do Walford’s Antiquarian, e quen máis tarde fíxo-lle catalogar a súa colección de libros de ocultismo, unha experiéncia moi sinificativa para o futuro autor de The Great God Pan. A súa tradución das memórias de Giacomo Casanova tamén paga a pena menciona-la, xa que foi a versión máis completa e “erótica” da época, polo que moitos donos de imprensas negáron-se a edita-la. Tamén traduciu Moyen de Parvenir, unha obra medieval do escritor do século XVI Béroalde de Verville. No tocantes á Crónica de Clemendy, unha novela pseudo-medieval, traduciu-na porque falaba do seu condado natal, Gwent.
En 1887, Arthur Machen casou con Amy Hogg, unha profesora de música e afeccionada ao teatro. Esta relación seica foi inusualmente pechada, xa que o autor nin tan sequera a menciona nas súas autobiografías e non existen nin retratos nin fotografías da súa primeira muller. Nembergantes, Machen ficou devastado cando ela faleceu vítima do cancro en 1899. Daquela deixou de escribir e uniu-se nada menos que á Orde mística do Amencer Dourado, por invitación do seu amigo, o místico e ocultista Arthur Edward Waite.
Os cartos que lle deixara o seu pai remataron-se en 1901, polo que ficou obrigado a buscar un emprego, traballando coma actor na compañía de Frank Benson dende 1901 a 1909, un periodo que segundo o seu biógrafo Anthony Lejeune foi “o máis feliz da súa vida“. Probábelmente non era o que se dí un gran actor, pero coma dí Lejeune, “pagaba o seu tributo ao teatro en cada movemento que facía“, e “era un home vello, afundido na pobreza e na escuridade, pero falaba coma se levara o mundo por monteira“. Durante esta época, en 1903 casou con Dorothy Purefoy Hudleston, da que tivo un fillo, nado en 1912, Hilary, e unha filla, en 1917, Janet.
Pero a pobreza e a escuridade eran os estados máis habituais na vida de Machen. Despóis de deixar o teatro uníu-se ao London Evening News coma reporteiro. Coma xornalista era inda pior que coma actor, se cadra porque estaba obrigado a deixar no traballo parte da súa liberdade. Pero o emprego fíxo-lle coñecer persoas e lugares pouco habituais, que el atopaba interesantes, ou ser testemuña de acontecementos extraordinários, coma o funeral polo capitán Scott en 1913, o home que morrera tentando chegar ao Polo Sul. Os seus xefes decatáran-se de que Machen estaba feito para artigos coma ese.
Neste periodo coma xornalista escribiu várias obras orixinais, coma O Regreso ou a súa celebrada The Terror (1917), e por suposto incontábeis artigos xornalísticos para o Evening News, moitos dos cales son bastante malos, ou alomenos non tan importantes coma os seus traballos de ficción. En 1914 escribiu The Bowman (Os Anxos de Mons), un relato totalmente fictício sobre como uns arqueiros anxelicais apareceron na batalla de Mons e axudaron aos soldados británicos. Inda que a história é pura ficción, fixo que moita xente acreditara nela, e mália as súas constantes negacións de veracidade do conto, existen hoxendía alomenos tres libros e centos de artigos supostamente sérios falando dos anxos de Mons coma proba da existéncia dos alados seres celestiais.
Amáis de escribir para o Evening News, Machen adicou-se a escribir para moitos outros xornais e periódicos literários, coma o The Academy, o London Evening News, o T.P.’s Weekly, o John O’London’s Weekly, The Independent, o Daily Mail e outros. Existen seleccións dos seus artigos xornalísticos en libros coma Dog and Duck, Notes and Queries, The Shining Pyramid (non confundir co seu libro do mesmo título) e The Glorious Mystery.
Esta última era unha revista publicada por Vincent Starrett, unha persoa que xogou un importante papel na introdución de Machen entre os lectores americanos. De feito, Machen xa era moi popular nos Estados Unidos nos anos 20, tendo publicados os seus libros polo editor Alfred A. Knopf. Daquela xa estaba recoñecido coma un dos persoaxes máis importantes de Fleet Street, e a súa reputación coma escritor era boa, ainda que non lle reportase grandes gañáncias.
En 1921, o nobre inglés Lord Alfred Douglas presentou unha demanda contra o Evening News porque Machen publicara un artigo decindo que Lord Douglas, o seu antigo editor, morrera, e ademais chamába-o “dexenerado”. Ainda que o adxectivo era algo que se podía discutir, o certo é Lord Douglas estaba por suposto vivo, e o asunto custou mil libras ao Evening News e o posto de traballo a Arthur Machen.
Pero seica a el non lle importou moito, porque agora tiña o tempo abondo como para pasa-lo sen facer ren e tan só relaxándo-se. Agora vivía en Melina Place, St. John’s Wood, Londres, e posíbelmente moito máis cómodo ca nunca antes na súa vida en ningunoutro lugar. Adoitaba celebrar pequenos encontros co seu círculo de amigos os fins de semán, e a vida pasaba dun xeito agradábel, porque agora as edicións americanas das súas novelas fornecían-o de cartos abondo.
Nombergantes, ao final dos anos 20 Machen volveu caír na pobreza, cando a moda das súas obras en América pasou e os cartos deixaron de lle chegar. Os Machen venderon a casa familiar e mudáron-se a Amersham, Buckinghamshire, en 1929. Arthur pasara xa máis de cincuenta anos en Londres, e viviría en Amersham xa até o fin da súa vida. Os seus amigos encarregáron-se de lle conseguir unha pensión de cen libras ao ano, o que non lle permitía ainda vivir estábelmente. Nestes derradeiros anos a súa obra foi moi escasa: The Green Round (1933, non moi aprezada pola crítica), e dúas coleccións de contos, The Cosy Room e The Children of the Pool (1936). Tamén escribiu artigos e comentários de libros para se gañar a vida. As autoridades civís de Monmouthshire orgaizáron-lle unha cea-homaxe en Newport co gallo do seu 74 cumpreanos, regalándo-lle un cheque por 1.200 guineas. A situación económica dos Machen era tan mala que dous dos seus admiradores, Desmond MacCarthy e Colin Summerford, propuxeron unha colleita para o fornecer de fondos, que finalmente acadou máis de 2.000 libras. Despóis dunha carreira que durara máis de 55 anos coma escritor, Arthur Machen faleceu o 30 de marzo de 1947.
* * *
A influencia de Machen na carreira doutros escritores é tan grande e salientábel que é case imposíbel menciona-los a todos. Os máis importantes póden-se considerar H.P. Lovecraft, co seu relato O Horror de Dunwich, a novela The Ceremonies (1985) de T.E.D. Klein, ou Ghost Story (1979) de Peter Straub, entre os máis modernos. O relato de Lovecraft e mais a novela de Straub están directamente influidas polo conto de Machen The Great God Pan (ao que Stephen King chamou “o millor conto de terror escrito en língua inglesa“), e a novela de Klein ten unha forte influéncia de The White People.
O seu legado na obra dos escritores do Círculo de Lovecraft é excepcional: Clark Ashton Smith, Robert E. Howard, Frank Belknap Long e Donald Wandrei dében-lle grande parte do seu éxito. De feito, entre Machen e Lord Dunsany podemos dicir que se axuntaría o 50% de Lovecraft, que foi quen máis se veu influido por Machen, se cadra por ser un referente contemporáneo: a súa obra está chea de lembranzas machenianas, comezando polo nome do deus Nodens, que aparece en The Great God Pan, en The Strange High House in the Mist e mais en The Dream-Quest of Unknown Kadath. Ademáis, usou un fragmento completo do conto de Machen The Red Hand ao comezo da xenial The Horror at Red Hook. E podemos considerar que a ideia de “antigas razas supervivintes nos nosos días” está como mínimo influenciada polas crénzas de Machen nas lendas celtas sobre a “pequena xente”, os trasgos e as fadas. Aconsellábel é lér as reféncias completas que fai Lovecraft sobre Machen no seu ensaio O Terror Supernatural na Literatura, e iso que hai que tér en conta que Lovecraft finou antes ca Machen, así que non se refire a toda a súa obra, só a unha parte:
“O señor Machen, cunha impresionante herdanza celta vencellada ás vivas lembranzas xuvenís das cuíñas malditas, as fragas arcaicas e as crípticas ruínas románs dos eidos de Gwent, desenvolveu unha vida imaxinativa de extraña beleza, intensidade e trasfondo histórico. Absorbeu o mistério medieval dos bosques escuros e o costumes antigos, e é un defensor da Idade Média en todos os aspectos – mesmo a fe católica. Ademáis, rendeu-se ao esconxuro da vida britano-román que noutros tempos imperou na súa rexión natal; e atopa extraña máxia nos acampamentos fortificados, os pavimentos de mosaicos, fragmentos de estátuas, e cousas semellantes que falan dos tempos nos que reinaba o clasicismo e o Latín era a língua do país“.
[Este artigo foi publicado por primeira vez no número 5 de NOVA FANTASIA, no verán de 1998]