Hasselhoff regresa ao Coche Fantástico?

0
203

O K.I.T.T. orixinalDavid Hasselhoff, o protagonista da série orixinal O Coche Fantástico, está en negociacións moi avanzadas para aparecer outra vez na nova série, se cadra cun coche sorpresa, segundo desvelou o produtor executivo Gary Scott Thompson no decurso dunha entrevista que tivo lugar o pasado día 20. Esta é a primeira vez que os executivos da série confirman que están a considerar a reincorporación de Hasselhoff na nova série.

Podería facer unha aparición a finais desta tempada“, dixo Thompson no plató da série, en Santa Clarita, Califórnia. “Vai-se entrevistar coa NBC a semana que ven, e estamos a traballar para coordinar axendas de todo o mundo… non quero mete-lo na série por mete-lo; quero que haxa unha boa razón para que estea aquí e que sexa parte da história. Falei con David sobre o xeito de facermos isto, e polo de agora gósta-lle. É unha ideia guai“.

Thompson dixo que sería un escenário de ensoño: axuntar a Michael Knight (Hasselhoff) con Mike Tracer (Justin Bruening), con cadanseu K.I.T.T.: o Pontiac Trans Am orixinal, coa voz orixinal de William Daniels, e mais ao Ford Mustang GT500KR, coa voz de Val Kilmer. “Non sei se acontecerá“, dixo Thompson. “Todo depende das axendas“.

A princípios de verán, Hasselhoff dixera que non coidaba que o recente relanzamento da série por parte da NBC poidera funcionar sen el. Hasselhoff xa contou cun cameo no telefilme piloto de dúas horas que foi emitido este ano en TVE1, repetindo o seu papel orixinal.

Esas declaracións xa van vellas” dixo Thompson. “El xa non pensa así… Falei con David o outro día nun almorzo en Beverly Hills e expliquei-lle con detalle o que planeáramos para a série, e dixo que lle gustaba e deu a súa aprobación“.

O coche fantástico é a história dunha equipa de loitadores contra o crime que utilizan médios de alta tecnoloxía, entre eles un coche intelixente chamado K.I.T.T. (Knight Industries Three Thousand).

Justin Bruening interpreta o papel do fillo de Michael Knight, Mike Tracer. Thompson, que non tivo intervención no episódio piloto, dixo que planeaba que a série tivese mesmo máis acción cá série orixinal.

O reparto inclúe a Deanna Russo, Bruce Davison, Yancey Arias, Paul Campbell, Sydney Tamiia Poitier e Smith Cho. Actualmente está a se rodar o sétimo episódio dun total de 13 cos que contará a primeira tempada e que xa están escritos.

Hasselhoff “ainda é un grande fan da série, obviamente“, dixo Thompson. “Coñece a Bruce [Davison] dende hai moito, e cando falamos básicamente deu-me a súa benzón e eu díxen-lle todo o o que quería facer. E el me dixo que era estupendo. Non quero decepcionar a esperanzas dos fans nin nada, pero estou falando coa NBC, el está falando coa NBC e é todo unha cuestión de tempo“.