Prometheus

0
376
O póster oficial do filme
O póster oficial do filme Prometheus

Prometheus (2012)
Director: Ridley Scott
Guión: Jon Spaihts e Damon Lindelof
Reparto: Noomi Rapace, Michael Fassbender, Guy Pearce, Idris Elba, Logan Marshall-Green e Charlize Theron.
Calificación: 35 %

Se había algunha longametraxe da que este ano todos os fans estaban a anceiar pola súa estrea, ese era o Prometheus de sir Ridley Scott. Autor de senllas obras mestras do cinema de ciéncia-ficción (Alien e Blade Runner), o seu anúncio de facer unha precuela de Alien semellaba unha boutade á que poucos puideron resistr-se. Así que o primeiro día de proxección o éxito xa estaba garantido.

E todo comezou ben amosando unha escena épica co que semella ser un extra-terrestre nun planeta cuspidiño á Terra. Como dixo Cecille B. De Mille, unha boa película debe escomezar cun terremoto, e partir de aí, ir gañando en intensidade. Pero este non é o caso de Prometheus.

O filme é un bluff. Todo o tempo agardando a que aconteza algo, a que por fin escomece o bó, a acción, as explicacións. O que é o que estamos a ver? Que é o que pasa? Por que só hai escenas de acción, efectos especiais dos de cen millóns o minuto, moita información, e nin un segundo para recapitular? En ningún caso teremos unha boa explicación, a sinxeleza do argumento de Alien ficou totalmente perdida: alí todo estaba claro: un monstro colou-se na nave e está a matar a todo o mundo. Aquí, uns supostos científicos viaxan a outro planeta para… para que? Nin sequera iso fica totalmente aclarado.

O androide David contempla unha reprodución do planeta Terra na nave dos extra-terrestres

Segundo a sinopse oficial do filme, no noso pasado remoto un extra-terrestre bebe unha ampola que lle fai desintegrar-se, facendo asemade que o seu ADN sexa a semente da vida na Terra. Da vida humana, debe ser, porque xa había vexetais nesa escena. E de todos os xeitos, esa é unha escena non explicada. Se non liches previamente a sinopse, non vas ter nin ideia de que vai. Pero así é todo o filme.

Facer unha precuela de Alien non era imposíbel. Non imos dicir que fose unha tarefa doada, pero non era imposíbel. Dado que das catro películas da saga, só a primeira foi dirixida por Scott, ben podía ter esquecido todas as histórias que contan as tres restantes, limitar-se a contar un argumento sinxelo, algo que sabe facer moi ben, e xa está.

Pero non. Scott conta unha história complicada. Demasiado complicada, porque aí entran magufadas dignas do pior Iker Jiménez (coma se houbese ún bó!), mitoloxías relixiosas, contos sobre a orixe do mundo, da raza humana, cousas que hai que saber porque xa no-las dixeron antes de entrar no cinema pero nunca, en ningún caso, porque no-las expliquen na pantalla. As liñas de Nazca repetidas noutro planeta, os gravados dos homes primitivos, as grandes construcións… son todos temas que non son explicados no filme. E se alguén dá unha explicación, é totalmente “out of the blue”, só porque se lle ocurreu a el. Así, Janek (Idris Elba) suxire que o planeta foi usado polos extraterrestres coma unha base militar até que perderon o control sobre as creaturas que eles mesmos crearan. Pero, de onde lle veu esa ideia? Non hai nin unha soa pista que poida conducir a ela!

Janek, o capitán da nave. Un persoaxe totalmente prescindíbel.

Os efectos especiais son a grande aventaxe deste filme, baseado totalmente neles. Pero até límites que sobrepasan a razón. A escena na que a doutora Shaw practica-se unha cesárea a si mesma para eliminar ao álien que leva dentro é, á parte de digna do pior cinema gore, tan irracional que semella sacada dos Monty Python. Após de se facer a cesárea, sae camiñando polo seu propio pé coma se tal cousa, grazas aos anelxésicos que se inxecta. O futuro pode ser marabilloso!

Ao cabo, a história era a dun home que quería ser inmortal, motivo filosófico interesante para guionistas con non demasiada imaxinación pero totalmente insuficiente para este filme. Por non falar da maquillaxe tan mal feita na face de Peter Weyland (Guy Pearce), facendo de anciá de centos de anos. Ou desa escena tan… só podemos dicir que patética, na que a doutora Shaw (Noomi Rapace) loita pola súa cruz, un símbolo relixioso, e a súa frase sobre que o importante é ter fe. Fóra de sítio nun filme de ciéncia-ficción, pero se cadra interesante para que os cristiáns americanos entren nas salas de cinema.

En resumo, outro filme con estupendos efectos especiais, e aí remata todo o que había que dicir.