Men in Black 3

0
383

Men in Black 3 (2012)
Director: Etan Cohen
Reparto: Will Smith, Tommy Lee Jones, Josh Brolin, Jemaine Clement, Emma Thompson e Alice Eve
Calificación: 70 %

O criminal intergaláctico Boris “A Besta” (ou só Boris, segundo el) escapa da súa prisión de máxima seguridade na Lúa, onde fora encerrado polo axente K (Tommy Lee Jones) hai corenta anos. Coma nos millores tempos dos tebeos de Mortadelo, a súa única obsesión é vingar-se do home que o meteu entre reixas, pero para iso só ten unha opción: viaxar ao pasado e mata-lo alí, cando ainda non se pode defender.

O axente J (Will Smith) deberá viaxar ao pasado e avisar a K (Josh Brolin) antes de que sexa tarde, porque as consecuéncias desa morte non só afectan ao seu compañeiro dos Men in Black senón que poden ser o fin da humanidade.

Estas son as premisas dun filme que supón unha agradábel sorpresa con respeito á súa anterior entrega. Ainda temos a un Will Smith hiperactivo e mais a un Tommy Lee Jones imperturbábel, pero esa é precisamente a graza destes dous persoaxes. A elección de Josh Brolin coma o axente K do pasado é unha decisión sobresaliente e a súa actuación póde-se considerar do melloriño do filme, coma sempre con moi bós efectos especiais e unha boa chea de acción e comédia. Pola súa banda, a história que nos conta serve para coñecer un pouco mellor a orixe dos axentes, até agora envolta no segredo.

O criminal intergaláctico Boris "A Besta" (ou coma el gosta de ser chamado, simplemente Boris)
O criminal intergaláctico Boris "A Besta" (ou coma el gosta de ser chamado, simplemente Boris)

Rodada na súa meirande en escenários reais de New York, o único “pero” que puiden atopar foi a bandeira española que ondea o día do lanzamento do Apollo cara á Lúa en 1969, xa que a bandeira é a actual e non a daqueles tempos. A caracterización dos persoaxes e as escenas de hai 40 anos está realizada con fidelidade, mesmo relembrando o racismo da época.

O certo é que este filme, con todos os seus defectos, tics e demais consideracións negativas que se poden apoñer a calquera produción hollywoodense que vaia pola terceira entrega, é refrescante por canto é deses casos nos que ún non se espera demasiado, e mais após de coñecer as novas sobre os problemas durante a súa rodaxe e os moitos cámbios no guión. Divertida, entretida e ainda que obviamente sabemos cal vai ser o final, tamén sorprendente. Unha película que paga ver no cinema e da que ún non se arrepinte polos cartos da entrada.