D.E.P. Ray Bradbury (1920-2012)

0
198
A capa da primeira edición de Fahrenheit 451

Ray Douglas Bradbury, o lendário autor de clásicos inesquecíbeis da literatura de terror, fantasía e ciéncia-ficción de todos os tempos coma As Crónicas Marcianas, Fahrenheit 451 ou Something Wicked This Way Comes (A Feira das Tebras), finou onte na súa casa de Los Angeles aos 94 anos de idade, segundo informou hai unhas horas o sítio web io9 a partir dunha información recibida polo seu biógrafo, o escritor Sam Weller.

Nado o 22 de agosto de 1920 en Waukegan, Illinois, Bradbury estaba emparentado co escritor Douglas Spaulding e con Mary Bradbury, unha das persoas que foi xulgada e executada por bruxería en Salem en 1692. Influído polas obras de Edgar Allan Poe e outros clásicos do xénero, adicou-se de neno a facer máxia até que en 1934, cando a súa família se asentou en Los Angeles, comezou a escribir.

Ainda que nunca asistiu ao instituto nin á universidade, foi na biblioteca da UCLA (Universidade de Califórnia Los Angeles) onde escribiu o seu primeiro libro, que titulou The Fireman (O Bombeiro) e que tiña 25.000 palabras. Unha versión estendida desa obra sería publicada posteriormente baixo o título Farenheit 451.

Rexeitado coma soldado para loitar na Segunda Guerra Mundial por mor da súa miopía, uniu-se á Science Fiction Society en 1938 e coñeceu a outros clásicos da ciéncia-ficción americana coma Robert A. Heinlein, Emil Petaja, Fredric Brown, Henry Kuttner, Leigh Brackett ou Jack Williamson. Ese mesmo ano publicou a súa primeira obra, o conto Hollerbochen’s Dilemma no fanzine Imagination!

Baixo o seu própio nome ou baixo alcumes, Bradbury escribiu un total de 27 novelas e mais de 600 contos. Das súas obras, publicadas en 36 línguas, vendéron-se mais de oito millóns de cópias en todo o mundo.

A súa obra mais popular e pola que se fixo famoso é The Martian Chronicles (As Crónicas Marcianas), unha novela creada a partir da recompilación de contos conectados entre si mais ou menos polo mesmo tema de Marte, pero a obra pola que probábelmente pase á história da Litearura con maiúsculas é Fahrenheit 451, unha distopía que presenta unha sociedade futura nos Estados Unidos onde os libros foron prohibidos e a xente debe aprende-los de memória se queren relembra-los. O título fai referéncia á temperatura (en grados Fahrenheit) á que arde o papel e foi obxecto de moitas interpretacións, especialmente enfocadas no papel histórico dos governos de eliminar as ideias disidentes. Bradbury dixo que a súa novela non trata sobre a censura, senón que é unha história sobre como a televisión elimina o interese na leitura, o que leva a unha percepción do coñecemento composto de feitos irrelevantes, información parcial e fóra de contexto.

Autor tamén de obras de teatro, guións para o cinema e mais a televisión (onde tivo un programa de seu, The Ray Bradbury Theater) e contos para nenos, o seu legado no eido da fantasía e especialmente da ciéncia-ficción póde-se considerar coma simplemente inmenso. Incontábeis xeracións de escritores están en débeda coa súa obra e a Fantasía terá que lle reservar un recuncho na súa memória para sempre.

Bradbury casou con Marguerite McClure (1922–2003) en 1947 e tivo catro fillas: Susan, Ramona, Bettina e Alexandra. O seu neto, Danny Karapetian, compartiu estas verbas sobre a morte de seu avó: “Se tivese que facer algunha declaración, sería canto o quero e o boto de menos, e espero escoitar os recordos de todo o mundo sobre el. Influiu a moitos artistas, escritores, profesores, científicos, e é sempre conmovedor e reconfortante escoitar as súas histórias. As vosas histórias. O seu legado vive na súa monumental obra de libros, filmes, televisión e teatro, pero mais importante, nas mentes e corazóns de todo o mundo que o leu, porque le-lo era coñece-lo. Foi o neno mais grande que coñecín“.

O ano pasado os dereitos de autor de Fahrenheit 451 caducaron e legalmente houbo que decidir se renova-los ou cede-los ao domínio público. Bradbury concedeu á editorial o dereito de seguir sendo dona do copyright, sempre e cando fora posíbel descargar-se o libro gratuitamente. O título segue a ser o único no catálogo da Simon & Schuster no que isto é posíbel. Bradbury elixiu ser enterrado nun cemitério en Los Angeles cunha lápida na que se podie lér: Aquí xaz o autor de Fahrenheit 451.