Black Panther, o seguinte da Marvel

780

Ainda que as cousas semellan ir moi ben para a Marvel Studios, que xa anunciou a segunda e mesmo a terceira parte dos seus filmes de Thor, Iron Man e mais o Capitán América, os directivos xa están a pensar en que outros persoaxes poderían dar o chimpo á pantalla grande para encher dous ócos que segundo din ainda teñen abertos na súa axenda de estreas para os vindeiros anos.

Entre os candidatos, están o Doutor Estraño, Ant-man e mais os Gardiáns da Galáxia, dos que xa tivemos novas sobre os seus proxectos de desenvolvemento nos pasados meses, pero a todos eles hai que lle sumar agora outro superheroe que até agora estaba agardando a súa oportunidade: Black Panther (Panteira Negra).

Nos cómics, Black Panther é o nome que adopta o príncipe herdeiro dunha nación africana fictícia chamada Wakanda, que ademais de ser membro da realeza é un brillante científico e un poderoso guerreiro que responde ao nome de T’Challa.

O seu mortal inimigo é o físico Ulysses Klaw, responsábel da morte de seu pai e desexoso de se facer coas minas de vibránio, un metal raro e precioso que só pode atopar-se en Wakanda e que é o material do que está feito o escudo do Capitán América. A Panteira Negra foi o primeiro persoaxe negro salientábel que apareceu nos cómics da Marvel.

Polo de agora, o documentalista Mark Bailey (Ghosts of Abu Ghraib) foi contratado para escribir o argumento, o que constitúe unha elección un tanto peculiar, xa que o feito de facer documentais sobre Abu Ghraib non é o mellor xeito de se facer con amizades en Hollywood. Nombergantes, o persoaxe en si tampouco é dos políticamente correctos, xa que sempre ergueu controvérsias ao seu redor. Os argumentos dos cómics de Panteira Negra inclúen cuestións coma o racismo, o apartheid e os enfrontamentos contra o Ku Klux Klan, todo o cal non fan do persoaxe o mais popular no sur dos Estados Unidos precisamente.

En todo caso, nin a Marvel nin a Disney confirmaron nin desmentiron os informes sobre este proxecto. O persoaxe tamén formou parte dos Vingadores nalgúns intres da história, polo que podería entrar coma membro do grupo nunha futura película.