“It” serán dúas películas

811

O realizador de Jane Eyre e Sin Nombre, o californiano Cary Fukunaga, será o encargado de dirixir a adaptación ao cinema de It, a clásica novela de terror de 1986 de Stephen King.

A novidade está en que dado o enorme tamaño da novela orixinal e mais a densidade do seu argumento, Fukunaga e mais o co-guionista Chase Palmer abandoaron a ideia de facer unha soa película e no seu carón farán unha adaptación en dúas partes.

A história vai sobre un grupo de adolescentes frikis e inadaptados (que se autodenominan “o clube dos perdedores”) en 1958 e de como atopan a It (“Iso”), unha criatura capaz de mudar de forma, que se alimenta de nenos e que adoita aparecer-se coa forma dun pallaso sádico chamado Pennywise.

En 1985 a criatura aparece unha vez mais, cando os nenos son xa adultos e deben enfrontar-se a ela espertando toda unha chea de lembranzas e pesadelos espantosos. O filme actualizará os periodos históricos nos que percorre o argumento para achega-los mais aos nosos tempos.

A ABC fixo no seu día unha adaptación á televisión que foi moi criticada polos fans e que protagonizou un reparto composto maiormente por actores cómicos: John Ritter, Jonathan Brandis, Seth Green, Harry Anderson, Annette O’Toole e Tim Curry, no único papel memorábel, o do pallaso Pennywise.

A devandita mini-série contiña moitas desviacións do libro orixinal co obxectivo de eliminar violéncia e sexo que a ABC non quería amosar nas pantallas, e así algunhas escenas míticas do libro desapareceron totalmente, coma cando a rapaza do grupo acósta-se con cada un dos membros masculinos para “reforzar os lazos” de unión entre eles, ou a violéncia sádica e mais a homosexualidade dos membros do grupo rival.

A primeira parte daquela série, na que só aparecían os nenos, foi moito mellor recibida cá segunda, cos persoaxes xa adultos.

Roy Lee, Dan Lin, Seth Grahame-Smith e mais David Katzenberg serán os produtores das longametraxes