O DVD de Prometheus explicará o inexplicábel

0
188

Mentres que Prometheus continúa a espertar alporizadas críticas dos fans que puideron ve-la por primeira vez nos Estados Unidos esta pasada fin de semana, unha cousa certa é que hai moitas cousas no filme que confunden á xente. Moitas delas son, ou iso din, os esforzos a mantenta de Ridley Scott por ser ambíguo e enigmático, pero outras son o resultado dunha mala edición e de demasiados recurtes na metraxe, todo o cal fai imposíbel entender o argumento, facendo do seu visionado unha experiéncia frustrante e decepcionante.

Ese segundo problema é o que tentará resolver a edición en DVD e BluRay cando apareza no mercado o vindeiro 9 de outubro. Scott confirmou nunha entrevista que a edición final terá mais de média hora suplementária de metraxe que non puido engadir e que seica explicará moitas das cousas que simplemente non se explican no decurso dos 124 minutos de película que se pode ver nos cinemas.

Pero como é óbvio, nada de todo isto será gratis e chegará pouco a pouco. Xa que logo, o primeiro será un avance de vinte minutos que dará unha extensión total de 147 á película nunha edición chamada “o curte do director” e á que está tan acostumado Scott. De feito, case todos os seus filmes inclúen este “curte” de seu na edición en DVD, se ben adoita saca-lo vários anos despois.

Scott afirma, nombergantes, que estes 20 minutos extra non serán abondo, así que na segunda edición haberá outros dez minutiños mais que segundo dixo, son “para que os fans poidan ver tanto coma sexa posíbel“, ainda que el mesmo prefire “a versión das salas de cinema“. Todo polo noso ben, claro está, pero uns cartos extra nunca veñen mal ainda que haxa que pagar tres veces por case o mesmo.

Mentres tanto, continúa a campaña viral na Internet na que Scott tenta a última hora explicar todo o que non se explica no filme (que é moito) e así, o sítio web www.whatis101112.com está xa en marcha con novos textos e imaxes que tentarán aportar algo de claridade sobre o que é Weyland Industries e mais o seu misterioso presidente e dono.