Pode que The Avengers sexa o meirande e mellor filme de superheroes de todos os tempos, pero os superheroes mais populares da Marvel continúan a estar nas mans doutros estudos, neste caso a Sony Pictures que ten no seu poder os dereitos para facer filmes de Spiderman e a Fox que posúe os dereitos sobre a Patrulla X. Ese é o principal motivo polo que sempre se coidou que nunca sería posíbel un crossover no que os diferentes estudos aportasen aos seus persoaxes para faceren conxuntamente unha soa película, demasiado complicado dende un punto de vista legal e mesmo económico.
Nombergantes, isto podería cambiar. Os primeiros raios de esperanza para os fans chegaron esta fin de semana nunha rolda de prensa na que o produtor Avi Arad (responsábel de The Amazing Spider-Man) revelou que está aberto a considerar a ideia: “Todo é posíbel. Se algo coma iso acontece, será xenial para a Disney e xenial para a Sony, se aparece a história axeitada. Para min Os Vingadores foi un éxito agardado así que non contemplaría [unha película crossover] só porque Os Vingadores tiveran éxito. O xeito de facer películas conxuntas é crear os materiais de base, técnica e creativamente, noutros filmes primeiro. E as colaboracións poden acontecer unha vez que creaches o persoaxe, estableces os gráficos xerados por computador, doutro xeito non no-lo podemos permitir“, dixo Arad.
Ademais, engadiu que “estamos primeiro a traballar en Venom. É o noso primeiro filme, para que o noso pensamento vaia na dirección correcta“, o cal fai indicar aos fans que o vindeiro filme Venom, ao que está xa vencellado o director de Chronicle, Josh Trank, enlazará directamente coas futuras entregas da nova versión de Spiderman.