Joe Cornish dirixirá un clásico do cyberpunk

0
174

Joe Cornish, a quen lle están a chover as ofertas dende que dirixiu con grande éxito o filme inglés sobre invasións extra-terrestres do ano pasado Attack The Block, ven de recibir o encargo de escribir e dirixir unha adaptación ao cinema da novela de Neal Stephenson Snow Crash. Os dereitos do libro foran readquiridos hai pouco pola Paramount Pictures, e Kathleen Kennedy e Frank Marshall serán os produtores.

Esta é a segunda vez que a Paramount tenta desenvolver este proxecto, porque a primeira fracasou despois de que se fixeran cos dereitos pouco despois da publicación do libro en 1992, un supervendas mundial e considerado novela orixinal e de grande influencia na evolución do cyberpunk.

A novela está ambientada a princípios do século XXIII, cando os Estados Unidos se converteron nun mosaico de cidades-estado que son propriedade legal de grandes corporacións e onde as empresas privadas e a máfia teñen o control de todo. O argumento xira ao redor dun virus de computador que se manifesta en forma de droga, chamado Snow Crash e que é transmitido por contacto visual ao mirar as pantallas do computador infectado. Hiro Protagonist, un hacker informático, samurai e repartidor de pizzas investigará e tentará deter este virus, que destrúe o cerebro de quen o consume e que pode destruir definitivamente a civilización.

A novela resultou ter unha influéncia moi grande entre autores posteriores e xerou unha mitoloxía de seu, converténdo-se en favorita de culto para os fans.

A Paramount tivo que renunciar ao proxecto anos atrás, polo que a Disney se fixo cos dereitos até que caducaron recentemente. Seica Kennedy presentou o libro a Cornish e este ficou encantado con el decontado, polo que agora o proxecto é unha prioridade para a Paramount.