Chernobyl Diaries

0
350
O poster de Chernobyl Diaries

Chernobyl Diaries (2012)
Director: Bradley Parker
Reparto: Jesse McCartney, Jonathan Sadowski, Devin Kelley, Olivia Taylor Dudley, Nathan Phillips, Ingrid Bolsø Berdal e Dimitri Diatchenko.
Calificación: 40 %

A que se prometía coma nova franquía dentro dos filmes de terror baratos pero moi rendíbeis dirixidos (ou producidos) pola factoría de Oren Peli resultou ser o caso perfecto de tren da bruxa do parque de atraccións.

O filme, rodado en Hungría e Sérbia, utiliza o desastre de Chernóbil coma base do seu argumento, no que un grupo de turistas americanos deciden ir visitar as ruínas de Pripyat, a cidade mais próxima á central nuclear que en 1986 foi destruída nun accidente.

O grupo semella nun princípio bastante realista, con actores ben interpretados, que dan a talla, e cun argumento que coma pouco non se pode calificar de inverosímil, o cal xa é moito nestes tempos nos que o cinema de terror tende á procura doada do espectador adolescente.

Así, mentres están de xira por Europa atopan a Uri (Dimitri Diatchenko), un ex-militar que agora dirixe unha pequena axéncia de viaxes especializada en “turismo estremo”, e o seu principal reclamo é unha visita ás ruínas radiactivas deixadas polo desastre de Chernóbil.

O grupo de protagonistas de Chernobyl Diaries

Nombergantes, o que semellaba ser unha visita emocionante dun par de horas complíca-se cando após de facer as consabidas fotos, descubren que a furgoneta na que viaxaban foi saboteada e non poden regresar. En pouco tempo serán atacados por algo ou alguén que non se sabe se son cans ou persoas e a partir de aí irán-se decatando de que todo ao seu arredor é tan sinistro coma semella, e moito mais.

E é dende ese intre no que o filme baixa polo túnel do tren da bruxa, porque todo é un sensentido de susto tras susto que ao principio impresionan pero que en pouco tempo comezan a, coma é previsíbel, responder unicamente aos mais elementais canons do cinema de terror e no que o millor que podemos agardar é que alomenos todo iso leve a algún argumento intelixente ou ben fiado. Esperar en van, por suposto.

As cousas comezan a se complicar

Os filmes de Oren Peli (neste caso é só produtor) responden á máxima de faceren-se en pouco tempo e ser moi baratos pero con certo toque de orixinalidade, alomenos abondo coma para que o público poida ficar sorprendido e queira recomendar o filme. Cinema de usar e tirar que dignamente poida chamar-se entretimento.

En Chernobyl Diaries a dirección corresponde a Bradley Parker, quen até agora só tiña no seu currículum coma millor fito os efectos especiais de Fight Club, pero o certo é que non se nota unha man moi diferente á do responsábel da triloxía de Paranormal Activity, e iso debería ser abondo como para agardar un pouco mais deste filme.

Chernobyl Diaries é o filme perfecto para ir ver coa moza e esperar que os sustos a obriguen a se agarrar a ti mentres tentas conter a risa. Cuspidiño ao tren da bruxa.