Prepára-se Watch Dogs para o cinema?

0
174

Tan só hai uns días que a Ubisoft presentou o videoxogo no decurso da feira E3 deste ano, e xa están a considerar a posibilidade de converter Watch Dogs nunha longametraxe para o cinema.

Así, diversas fontes informan que a Ubisoft ven de mercar nomes de domínio na rede, basicamente variacións do nome do videoxogo engadíndo-lle un “movie” (película), un movemento que se adoita facer cando unha produtora está a desenvolver un novo filme. Nomes coma WatchDogsmovie.com, WatchDogsthemovie.com, Watch-Dogsmovie.com ou Watch-Dogsthemovie.com están xa reservados a nome do mesmo titular, a UbiSoft Entertainment.

E todo isto tan só un par de días despois de que se soubese que a empresa de videoxogos francesa está a manter conversas coa Paramount e mais coa Warner Bros. co fin de desenvolveren outro videoxogo de seu, neste caso Tom Clancy Splinter Cell, para facer unha posíbel franquía cinematográfica.

O programa foi presentado o pasado 3 de xuño no decurso da popular E3, a mais importante feira mundial de videxogos, coa ideia de se lanzar para Windows, PS3 e Xbox 360 o ano que ven. Watch Dogs é un xogo aberto que vai sobre guerras de información. A acción está ambientada nun Chicago contemporáneo pero alternativo onde un supercomputador controla case todas as máquinas da cidade.

O xogador ten a posibilidade de hackear os sistemas electrónicos, obtendo asemade o control da información que xeraron ou destruíndo totalmente os dispositivos.