A secuela de Monsters ten novo director

0
160

Tom Green, quen até agora só tiña no seu haber a dirección de vários episódios da série de televisión de ciéncia-ficción inglesa Misfits, será o encargado de facer a secuela do filme de baixo orzamento de 2009 de Gareth Edwards Monsters para a Vertigo Films.

O filme orixinal, unha fita de ciéncia-ficción que tivo grande éxito mália non contar cunha distribución axeitada, ía sobre unha parella que tentaba escapar dunha zona entre México e os Estados Unidos que fora posta en cuarentena após de que unha nave extra-terrestre chea de monstrosas creaturas se estrelase nela. A película, mália non contar con grandes efectos especiais, tiña unha realización salientábel e colleitou moitas loubanzas da crítica.

Hai cousa dun ano xa xurdiran os primeiros rumores sobre a posibilidade de facer unha secuela que tería coma protagonista a un profesor que vive na zona protexida pola muralla que hai xusto antes da zona en cuarentena e que quere entrar nela para atopar ao seu irmán perdido. Este irmán, un ex-militar, converteu-se nunha lenda vivinte tipo o coronel Kurtz en Apocalypse Now.

O ano pasado comentára-se que a secuela ía contar coa dirección de Brent Bonacorso, mentres que Jesse Atlas e Gareth Edwards serían os produtores executivos.

Nombergantes, após do nomeamento de Green, non é seguro que o argumento da secuela sexa o mesmo, porque os estudos tamén contrataron a Jay Basu (Fast Girls) para que escriba un novo guión. Ademais, o título da secuela pasará a ser Monsters: Dark Continent.