Os Starship Troopers serán mais patriotas

616

Após do remake de Total Recall, agora os produtores Neal Moritz e Toby Jaffe van poñer os seus ollos sobre outro clásico de culto de ciéncia-ficción do realizador holandés Paul Verhoeven: Starship Troopers. Anunciada o pasado decembro coa participación dos guionistas de X-Men First Class Edward Miller e Zack Stenz, seica esta nova versión será mais fiel á novela orixinal de Robert A. Heinlein sobre a guerra interestelar entre a humanidade e unha raza de arácnidos xigantes.

Jaffe confirmou que a súa versión será mais próxima no tón á obra de Heinlen: “Verhoeven levou-no ao estremo e fíxo-o case cómica, mentres que o noso traballo, tal e coma eu o vexo, será un pouco mais fiel ao libro e porá os pés na terra un pouco mais. A novela ten moitos leitores, mesmo hoxe en día; está nas listas de leituras dos coléxios e universidades, e lé-se en todas as académias militares dos Estados Unidos“.

Un motivo polo que o filme de Verhoeven segue a ser loubado polos fans é polo seu tón campy e pola súa velada crítica ao fascismo e ao militarismo. Tal tón subversivo non estará presente nesta nova longametraxe, que terá unha aproximación moito mais directa. Así, Jaffe dixo que “Verhoeven tiña un compromiso polo que o seu filme era unha crítica do fascismo, mentres que eu coido que Heinlein escribiu dende a perspectiva de alguén que loitou na Segunda Guerra Mundial coma soldado americano e escribiu nos tempos da Guerra de Corea. Xa sabes, o fascismo dun home é o patriotismo doutro“.

Así pois, a violéncia case gore e mais os toques cómicos de Verhoeven non terán lugar neste remake: “canto mais caro é un filme, mais difícil é evitar que sexa violento. Isto vai sobre reinterpreta-lo cunha nova sensibilidade para unha nova xeración que realmente non coñece o primeiro filme. Iso dá-lle aos estudos e a nós os produtores a oportunidade de presenta-lo dun novo xeito“.

A aventaxe que terá a nova versión é que os efectos especiais de hoxe en día permitirán que vexamos os traxes de chimpo mecánicos xigantes que no libo utilizan os heroes para loitar contra os bichos.