The Amazing Spiderman (2012)

1042
O poster do filme
O poster do filme

The Amazing Spiderman (2012)
Director: Marc Webb
Reparto: Andrew Garfield, Emma Stone, Rhys Ifans, Denis Leary, Martin Sheen, Sally Field.
Calificación: 78 %

Cando hai catro anos a Sony anunciou que non habería unha cuarta entrega da saga de Spiderman, moitos fans respiraron acougados ao ver que o seu heroe non seguiría caíndo pola espiral de falla de calidade que semellaba ter a franquía en cada nova longametraxe, levándo-se por diante o prestíxio do seu director Sam Raimi.

Pero logo chegou a Columbia e dixo que no canto de cuarta entrega, habería un relanzamento da série. Todo escomezaría de novo. Dentro duns límites, claro: todo o mundo coñece a orixe de Spiderman, creada por Stan Lee e Steve Ditko, e iso é canónico. Pero dentro do canon hai tamén algúns pequenos ócos para a creatividade: especialmente, o dos pais de Peter Parker. Todo o mundo sabe que vive con súa tía, e que o seu tío foi asasinado. Pero, o que pasou cos seus pais?

Peter Parker e Gwen Stacy, unha fermosa história de amor

E o relanzamento da franquía tenta resolver estas (e algunha outra pequena) dúbidas, todo en IMAX 3D e prometendo acción e espectacularidade por todo o alto (nunca mellor dito). O novo lanzarredes é Andrew Gardfield, un actor que que por veces semélla-se físicamente de mais ao vampiro de Twilight (hai que deixar claro o novo perfil de home favorito) e no canto da rúbia Mary Jane temos á loira Gwen Stacy, interpretada pola guapísima Emma Stone, así que por lóxica debe ser boa.

Coma todo superheroe, o reparto debe incluír a un superfalcatruán (até agora foran o Trasno Verde, Sand-Man e mais o Doutor Octopus) e na lista hai moitos onde elixir. O afortunado foi o Lagarto, interpretado por Rhys Ifans, que ten moito que ver coa história dos pais de Parker.

O argumento é polo tanto xa coñecido: non cabe agardar demasiadas sorpresas porque daquela estariamos a falar dunha reinvención do persoaxe. Peter Parker é un rapaz intelixente pero que está lonxe de ser o mais popular da súa escola. Unha trabadura de araña convérte-o nun superheroe e aí remata todo. Pero Spiderman é tamén o persoaxe favorito da Marvel por moitos motivos: é rápido, ácido, ten moitos problemas, intelixente pero con mala sorte… é o que todos os adolescentes pensan de si mesmos.

O doutor Connors antes de se converter no maléfico Lagarto

Este relanzamento acadou un excelente reparto de actores, unha interpretación mais ca aceptábel no caso dos protagonistas e unha parella (Martin Sheen e Sally Field) coa que por un máxico instante coidei que estaba de volta en plenos anos 70. Se cadra o único que non está totalmente á altura é o doutor Connors (Rys Ifans), nunha interpretación algo deslucida pola complexidade do seu persoaxe.

O argumento semella, dentro do que cabe, adaptar-se mais aos cómics orixinais cás anteriores versións de Raimi (así, por exemplo, Spiderman volve ter lanzarredes mecánicos e non naturais). Spiderman é un heroe que todo o mundo coñece, non se pode apartar moito do orixinal, e sempre conterá algo de humor dentro do dramático da súa existéncia, a dun rapaz que de súpeto obtén superpoderes que o enfrontan á morte día si e día tamén. Todo iso terémo-lo no filme, e nas doses axeitadas.

O filme non é un compéndio de escenas de efectos especiais de alto nivel pero as que hai son realmente boas e nos momentos xustos. Non ten aires de superprodución, ainda que o sexa, senón mais ben de cinema dese que atrapa ao espectador, polo própio persoaxe, pola súa cercanía, porque o seu comportamento é mais realista e porque o argumento devólve-nos ao Parker mais escuro, atrapado no dilema de amar á súa moza ou ser o heroe que salve o día aos neoiorquinos. Hai mais de humano no Parker de Webb ca no de Raimi, por dici-lo así. Este Spiderman é mais o de Stan Lee dos anos 60, ainda que incorporado pleamente ao século XXI, no que por fin os teléfones móbiles están na man de todos (e sen publicidade da odiosa manzaniña!).

O fastidioso Flash, o chuliño do instituto pero no fondo de bó corazón.

Os detalles para o fan son abondosos, coma cabía agardar: a violinista da rúa tocando a clásica canzón de Spiderman, un par de frases en español (que coma sempre serán censuradas en España), o cameo de Lee (esta vez é realmente saboroso), ainda que fallan as ácidas respostas do noso heroe cando está en plena loita, algo que realmente é difícil de ter nun filme pero que os leitores do cómic coñecemos moi ben.

Coma relanzamento, este Spiderman está á altura dos rañaceos. Hai que dicir que cara o final o argumento vai perdendo frescura e póde-se mesmo facer algo aburrido, pero lóxicamente non podemos agardar outra cousa que non sexa o triunfo final do trepamuros, iso si, sempre amargado por algún desastre inevitábel. Nombergantes, en comparación coa épica batalla final de Os Vingadores, esta loita definitiva contra o Lagarto deixa algo que desexar. Se cadra, o listón estaba demasiado alto e este Spiderman é un bó filme, que deixará satisfeitos aos fans, pero ao cabo un relanzamento algo insípido que tamén nos fai relembrar o que aconteceu co persoaxe de Superman.