Besson leva a Valerian e Laureline ao cinema

0
182

Ainda que o nome de Luc Besson non está nin moito menos apagado, o realizador francés semellaba estar un pouco fóra de xogo nos grandes circuítos internacionais dende hai un tempo, especialmente ao outro lado do Atlántico e mália a súa recente série de filmes de debuxos animados de Arthur e os Invisíbeis. Pois ben, seica iso podería rematar axiña porque o director está a preparar un filme de ciéncia-ficción que incluirá viaxes espaciais e seica tamén viaxes no tempo.

O guionista, produtor e director da série de Taken e Taxi ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema todo un clásico do cómic francés de ciéncia-ficción, Valerian, creado por Pierre Christin e mais Jean-Claude Mezieres a finais dos anos 60. Os cómics van sobre as aventuras do axente espacial e temporal Valerian e mais da súa axudante Laureline, e Besson semella disposto a escribir e dirixir a versión para a pantalla grande.

Besson, cuxa última incursión no xénero de ciéncia-ficción foi a épica The Fifth Element en 1997, recoñeceu que é un fan de Valerian dende hai moito tempo, e que precisamente por iso mesmo animou a Mezieres a traballar canda el no devandito filme.