Tal e coma se anunciara previamente, Man of Steel, o filme de relanzamento de Superman que dirixe Zack Snyder e produce Chris Nolan, pasará por unha conversión ao formato 3D.
O novo é que o sítio oficial de IMAX na Internet ven de anunciar que Man of Steel será exhibido coma “experiéncia IMAX 3D” cando se produza a estrea o 14 de xuño de 2013. O filme de Snyder non foi rodado nin en 3D nin con cámaras IMAX, polo que deberá ser reconvertido a este formato.
O website ademais dá a coñecer a sinopse do argumento:
No panteón dos superheroes, Superman é o persoaxe mais recoñecido e reverenciado de todos os tempos. Clark Kent/Kal-El (Henry Cavill) é un xoven xornalista duns vintetantos anos que se sinte alienado por poderes alén da súa imaxinación. Transportado hai anos á Terra dende Krypton, un planeta afastado a ltamente avanzado, Clark loita contra a pregunta definitiva: Por que estou aquí? Moldeado polos valores dos seus pais adoptivos Martha (Diane Lane) e Jonathan Kent (Kevin Costner), Clark descobre que ter habilidades extraordinárias sinifica decisións difíciles. Cando o mundo está en perigo e necesitado de estabilidade, xurde unha ameaza mesmo maior. Clark debe converter-se no Home de Aceiro, para protexer á xente que ama e brillar coma a luz de esperanza do mundo: Superman.
En todo caso, o curioso do tema é que alguén debeu advertir á corporación IMAX que estaban a adiantar demasiados detalles, porque só unhas horas despois a nova desapareceu por completo do sítio Web da empresa.