A batalla legal quénce-se a medida que pasa o tempo entre os avogados da Warner Brothers, que xa rematou a rodaxe de Watchmen, e os avogados da 20th Century Fox, que din que posúen os dereitos sobre ese material.
A Fox xa dixo que tentará opoñer-se aos plans da Warner de comezar a distribución do filme para o vindeiro mes de marzo. A Warner di que non lle deberían permitir iso á Fox, despois de que tanto a Warner coma os seus parceiros neste proxecto, a Paramount Pictures e mais a Legendary Pictures, gastaran máis de cen millóns de dólares (uns 60 millóns de euros) na megaprodución dirixida por Zack Snyder.
Nun resumo da súa postura nun comunicado emitido o venres, a Warner dixo que a Fox “sentou-se en siléncio” cando un dos produtores de Watchmen, Lawrence Gordon, levou o proxecto “de estudo a estudo, co expreso consentemento da Fox“.
A Fox, que presentou unha demanda en febreiro, dixo na mesma que o Sr. Gordon non mantivo informados aos estudos sobre os seus plans, tal e coma se requería por un acordo de 1994. Ese acordo garantía que os dereitos sobre Watchmen puidesen ficar “dando voltas“, un termo que adoita utilizar a indústria do cinema e baixo o cal os produtores poden mudar un proxecto dun estudo a outro baixo certas condicións.
Na versión dos acontecementos segundo a Warner, Gordon, a quen a Fox non nomea coma acusado na súa demanda, ofreceu realmente o proxecto á Fox en 2005, xusto despois de trae-lo á Warner despois de anos tentando facer a película coa Paramount. “A Fox simplemente rexeitouno“, di a Warner na súa contestación á demanda.
O venres a Warner dixo que a Fox mesmo chegou a garantir os dereitos sobre o título Watchmen, que a mesma Fox rexistrara na Motion Picture Association of America.
A Fox mesmo recibiu un pago de 320.000 dólares dunha das empresas de Gordon para se facer cos dereitos sobre Watchmen en 1991, segundo os avogados da Warner. A Fox recoñece isto, pero dixo que ese acordo foi reemprazado por un posterior, baixo o cal Gordon debía entregar un prezo moi superior e que nunca foi pagado.
O xuizo podería celebrar-se en xuño se a Fox se sae coa súa ou en abril, se prevalecen as intencións da Warner.
A novidade do venres é que xa non só Gordon, senón tamén a Paramount, a Legendary e mesmo a Universal Pictures poden esperar ter que ir declarar ao xuizo coma demandados. A Universal tentara facer unha versión do filme en 2001, antes de que a Paramount se fixera cos dereitos. E ainda que a Paramount tamén abandoou os seus plans para o filme, asociou-se coa Warner para poder incluir ao director Zack Snyder no proxecto, despois de que este acadara un grande éxito co seu anterior filme, 300.