The Dark Knight Rises

0
341
O póster oficial da estrea

Director: Christopher Nolan
Guión: David S. Goyer e Christopher Nolan
Reparto: Christian Bale, Michael Caine, Gary Oldman, Anne Hathaway, Tom Hardy, Marion Cotillard, Joseph Gordon-Levitt e Morgan Freeman

Calificación: 85 %

Os fans de Batman saben que o persoaxe creado por Bob Kane pasou xa por demasiadas batallas coma para ficar atrapado nun canon demasiado estrito, que lle impida aos guionistas dos cómics, da televisión e mais do cinema, imaxinar histórias de seu que se afasten das súas orixes, que se remontan a 1939 nada menos.

E isto é unha das grandes cousas do orelludo señor da noite: cada novo director, guionista ou debuxante pode facer “o seu” Batman sen que a ninguén lle poida parecer inconvinte. Así, dende o Batman primixénio, pasando polo persoaxe cadriculado dos anos 50, o cómico dos 60, e o seu regreso á escuridade nos anos 70, pasaron moitas cousas e se cadra a mais salientábel foi a recreación xa lendária de Frank Miller en The Dark Knight Returns.

Christian Bale volve ser Batman, ainda que deste volta é mais Bruce Wayne

Cando en Batman Begins (2005) Christopher Nolan ofreceu a súa versión ao mundo, as loubanzas estaban aseguradas non só polo baixo que caíra a série até entón, senón polo seu esforzo por achegar ao Batman do cinema ao Batman dos cómics, nomeadamente clásicos coma The Man Who Falls ou Batman: Year One. E con este comezo da triloxía, continuado por unha nova entrega moito millor coma foi The Dark Knight (2008), só cabía agardar un remate espectacular e mesmo apoteósico. E velaquí o temos.

Pasaron oito longos anos dende que Batman (Christian Bale) se enfrontase ao Joker, matando no proceso a Harry Dent, quen era secretamente o supervilán Dúas Faces. Dende aquela, Batman desapareceu de Gotham City, deixando que o mundo crése que el foi o responsábel da morte do popular Fiscal que salvou a Gotham de bandas criminais. Pola súa banda, o comisário Gordon (Gary Oldman) non aproveita unha oportunidade para limpar o nome de Batman.

A Gata (Anne Hathaway) podería ser noutro filme un persoaxe que sobrara, pero non neste

E aquí escomeza a história, unha história por veces algo confusa (sobre todo porque non se marca o tempo e ás veces non sabemos se pasaron días, horas ou meses) pero que conduce polos camiños da crueldade estrema representada polo infame terrorista Bane, á anarquía que pretende establecer na cidade para destrui-la usando unha bomba atómica. Semella de partida un guión demasiado “comiqueiro”, pero non-o é: de feito, é intrincado e se cadra demasiado realista, e moitas veces desesperaremos vendo que Batman non é tan superheroe coma outras veces, pero segue a ser un Bruce Wayne heroico e iso é case millor.

O criminal Bane (Tom Hardy) ten o difícil papel que lle correspondeu ao Joker na segunda parte, e ainda que a súa interpretación é brillante, cunha voz ameazadora (que coma é óbvio ninguén escoitará en España), o feito de levar unha máscara todo o tempo impide que se poida achegar ao papel que bordou Heath Ledger. O pior do caso é que el non é o pior criminal de todos os que alí aparecen, porque está moi presente o antigo mentor de Bruce Wayne, R’as Al Ghul e a súa Liga das Sombras.

Batman regresa para lle dar o seu merecido ao terrorista Bane. Poderá face-lo esta vez?

Ainda que non fallan abondosos efectos especiais, escenas aéreas e acción polos catro costados, ao filme non se lle poderá negar que non carece de verdadeiros actores, destacando nesta ocasión ao comisário Gordon interpretado por Gary Oldman, unha vez mais o heroe na sombra. Todos os arquetipos batmaníacos mais característicos de músculos, forza e poder están aí, toda unha oda ao fascismo sociolóxico que representa un xusticeiro que non ten piedade cos criminais e que nesta ocasión loita contra a terxiversación dos ideiais do anarquismo de Bane, moi axeitados nestes tempos de crise onde todo o mundo pide man dura cos ricos. Por outra banda, tamén están os intres de tensión que manteñen ao espectador pegado á butaca, porque ao contrário ca outros superheroes, con Batman nunca se sabe cal pode ser o final e é tan posíbel que gañe coma que perda.

O remate da triloxía poderá decepcionar aos fans da segunda película, que é mais para cinéfilos que para batmaníacos, pero non aos fans habituais do superheroe. Sinistro, misterioso, portentoso, inesperado e heroico até o mesmísimo final, este señor da noite vai enmeigar aos espectadores porque é o que mais se achega ao Batman que coñecemos e amamos de lér nos cómics. Pola miña banda, é a primeira vez que asisto a unha sesión na que cando remata a película o público arrinca nun aplauso. Batman ben o merecía e Christopher Nolan acadou o que intentaba: resucitar a sona de Batman para o mundo do cinema.