Guillermo Del Toro ocupado até 2017

822

Guillermo del ToroMoitos directores de cinema non teñen nin idea de cal será o vindeiro filme que roden. Por non falar dos traballadores que non saben se o ano que ven seguirán na mesma empresa. Pero este non é o caso de Guillermo del Toro, que ten choio asegurado até alomenos 2017.

A Universal — que ten un acordo de tres anos de duración con Del Toro polo que este se compromete a lles presentar a eles calquera proxecto antes que a ninguén – e mais o famoso director mexicano veñen de asinar un novo trato que acepta dirixir catro novos filmes, entre os que se atopan os remakes de Frankenstein, Dr. Jekyll e Mr. Hyde e Slaughterhouse-Five.

O cuarto proxecto é unha adaptación de Drood, unha novela de Dan Simmons adquirida pola Universal que será publicada en febreiro.

Por suposto, a primeira prioridade de del Toro é a rodaxe da megaprodución da New Line e mais a MGM O Hobbit, un traballo que durará os vindeiros cinco anos. O director xa comezou a escribir o guión xunto a Peter Jackson, Fran Walsh e Philippa Boyens, colaborando por video conferéncia e con viaxes a Nova Celándia cada tres semanas.

Ainda que é difícil, senón imposíbel, facer proxectos de cinco anos no futuro, os executivos da universal coidan que o seguinte filme de Del Toro sería a rodaxe da adaptación ao cinema de Drood.

Ademáis destes catro filmes, os estudos gardan na carteira outro dos proxectos máis desexados de Del Toro, a adaptación da novela clásica de H.P. Lovecraft Nas Montañas da Loucura.

E se por se fose pouco, a Universal ten previsto no seu horizonte unha adaptación da novela apocalíptica de David Moody Hater, que del Toro producirá xunto a Mark Johnson pero sen dirixir, e ademáis, Crimson Peak, un guión para un filme gótico escrito polo mesmo del Toro e mais o seu colaborador en Mimic Matthew Robbins, que tamén producirá pero non dirixirá.

Mentres estea ocupado con O Hobbit, del Toro non terá descanso. Ao mesmo tempo deberá ir deseñando os seus seguintes proxectos e ir contratando aos guionistas. Os filmes serán supervisados en del Toro Productions polo seu manager, Gary Ungar, quen será o produtor executivo das películas e supervisará o desenvolvemento xunto ao director Russell Ackerman e ao executivo da Universal Scott Bernstein.

Ninguén agardaba que O Hobbit acontecera; foi o golpe máis marabilloso da miña vida“, dixo del Toro. “Considero (os novos tratos) a renovación dos meus votos matrimoniais coa Universal“.

Pero aí non remata todo. Mentres, del Toro agarda que lle digan se a Universal vai facer ou non unha terceira parte de Hellboy. A segunda parte, O Exército Dourado, ven de se estrear e ainda que non chegou a ter un éxito moi grande nos Estados Unidos, está a obte-lo internacionalmente.

Un voceiro dos estudos dixo que a Universal está interesada en facer unha terceira parte e que ademáis poderían traballar con Del Toro para engadir á súa lista de tarefas unha série de televisión baseada no demoníaco persoaxe vermello, así coma minifilmes para Internet.