A despedida de Nolan a Batman

801

Agora que o seu filme The Dark Knight Rises ven de se estrear con enorme éxito e as xiras de promoción remataron, o realizador Chris Nolan está por se tomar unhas mais ca merecidas vacacións. Pero antes diso, tomou-se o tempo para escribir unha derradeira carta que serve coma prólogo ao libro The Art of Making of The Dark Knight Trilogy que saiu publicado este venres. O prólogo serve ademais coma a despedida final de Nolan á franquía:

“Alfred. Gordon. Lucius. Bruce… Wayne. Nomes que chegaron a sinificar moito para min. Hoxe, estou a tres semanas de dar un adéus final a estes persoaxes e ao seu mundo. É o noveno aniversário de meu fillo. Naceu mentres  eu pegaba os anacos do Batmóbil no meu garaxe a partir de pezas soltas de modelos de montaxe. Moito tempo, moitos cámbios. Un chimpo dende decorados onde un tiroteo ou un helicóptero eran acotecementos extraordinários até os días de choio onde multitudes de extras, demolición de edifícios ou loitas a centos de metros no aire chegaron a ser familiares.

A xente pregunta se sempre planeamos unha triloxía. Iso é coma se che preguntan se planeaches medrar, casar e ter fillos. A resposta é complicada. Cando David e mais eu comezamos a imaxinar a história de Bruce, dímos-lle voltas á ideia do que podería vir despois, e logo dimos a volta, sen querer mirar demasiado profundamente no futuro. Non quería saber todo o que Bruce non sabía; eu quería vivi-lo con el. Díxen-lle a David e a Jonah que puxeran todo o que sabían en cada filme a medida que os faciamos. O reparto ao completo e a equipa puxeron todo o que tiñan no primeiro filme. Sen deixar nada. Sen gardar nada para a seguinte vez. Construíron unha cidade enteira. Logo Christian e Michael e Gary e Morgan e Liam e Cillian comezaron a vivir nela. Christian arrincou un enorme bocado da vida de Bruce Wayne e fíxo-a totalmente irresistíbel. Introduciu-nos na mente dunha icona pop e nunca nos permitiu decatar-nos por un intre da extravagante natureza dos métodos de Bruce.

Nunca pensei que fariamos unha segunda – cantas boas secuelas hai por aí? Por que arroxar os dados? Pero unha vez souben a onde levar a Bruce, e cando comecei a albiscar ao antagonista, converteu-se en esencial. Reunimos á equipa e regresamos a Gotham. Cambiara en tres anos. Mais grande. Mais real. Mais moderna. E unha nova forza do caos estaba por aparecer. O definitivo pallaso asasino, a quen Heath deu unha terrorífica vida. Non deixamos ren, pero había cousas que non puidéramos facer a primeira vez — o bat-traxe cun pescozo flexíbel, rodar en Imax. E cousas das que tiñamos medo — destruir o Batmóbil, queimar o sanguento diñeiro do vilán para amosar un desprezo total polos motivos convencionais. Collimos a suposta seguridade dunha secuela coma permiso para arroxar as precaucións ao vento e dirixir-nos aos recunchos mais escuros de Gotham.

Nunca pensei que fariamos unha terceira — acaso hai algunha boa segunda secuela? Pero eu seguín preguntándo-me polo final da viaxe de Bruce, e unha vez que David e mais eu a descubrimos, tiña que ve-la por min mesmo. Tivemos que voltar ao que á penas ousáramos barbullar naqueles primeiros días no meu garaxe. Estivéramos a facer unha triloxía. Chamei a todo o mundo de volta para outra xira por Gotham. Catro anos despois, ainda estaba aí. Mesmo semellaba un pouco mais limpa, un pouco mais polida. A mansión Wayne fora reconstruída. As faces familiares estaban de volta, un pouco mais vellas, un pouco mais sábias… pero non todo era coma semellaba.

Gotham estaba a apodrecer nos seus alicerces. Un mal novo burbulleaba aí abaixo. Bruce coidara que Batman xa non era necesário, pero Bruce enganába-se, xusto coma min. Batman tiña que voltar. Supoño que sempre terá.

Michael, Morgan, Gary, Cillian, Liam, Heath, Christian… Bale. Nomes que chegaron a sinificar tanto para min. O meu tempo en Gotham, á procura dunha das meirandes e mais eternas figuras da cultura pop, foi a mais desafiante e gratificante experiéncia que un realizador podía esperar. Botarei de menos a Batman. Gostaría pensar que el me botará de menos a min, pero el nunca foi particularmente sentimental”.