Abraham Lincoln: Vampire Hunter

897

Director: Timur Bekmambetov
Guión: Seth Grahame-Smith
Reparto: Benjamin Walker, Dominic Cooper, Anthony Mackie, Mary Elizabeth Winstead, Rufus Sewell e Marton Csokas

Calificación: 40 %

Facer unha biografía dun heroe americano tan lendário coma Abraham Lincoln (“indubidábelmente, o mais grande americano que existiu“, segundo Isaac Asimov) e mistura-la con ficción non é algo novo. Pero mistura-la con ficción fantástica xa é outro cantar. O resultado só pode ser xenial ou ridículo. O se cadra, as dúas cousas.

As esceas de loita son unha mistura de Matrix e Songoku que só ao princípio dan risa.

A história do decimosexto Presidente dos Estados Unidos é coñecida por todo o mundo: un granxeiro que se fixo a si mesmo, traballou coma dependente nunha tenda, estudou Dereito, enfrontou-se aos políticos da época en debates, defendendo o final da escravitude, e foi presentado ás eleccións polo Partido Republicano que daquela non tiña moitas esperanzas de gañar. E gañou, e cambiou a história de América e se cadra do mundo para sempre. Todo isto xa é abondo heroico coma para por riba converte-lo nun heroe de acción, adicado a matar vampiros coa soa axuda do seu machado. Pero iso é o que tenta facer Abraham Lincoln: Vampire Hunter, un filme baseado no libro do mesmo título, escrito por Seth Grahame-Smith, quen é ademáis o guionista do filme.

Abraham Lincoln: Vampire Hunter é un filme que relembra a Buffy Cazavampiros. Non só polo tema común dun heroe adicado a cazar aos sinistros monstros da noite, senón polo estilo visual, as loitas, as escenas de acción, os persoaxes… obviamente algo debían ter en común, pero neste caso son demasiadas cousas e as comparacións son inevitábeis.

Os chimpos que pega Abraham Lincoln servirían para gañar unhas olimpiadas

O filme comeza co ataque dos vampiros, disimulados baixo a apariéncia de honrados escravistas sureños, que se cobra a vida da nai e logo do pai do xoven Abraham. Este, nove anos despois, decide vingar-se e matar ao vampiro que asasinou á súa nai, pero ainda sen saber que é un vampiro. Daquela, aparece Henry Sturgess (Dominic Cooper), quen acolle ao futuro Presidente e comeza a adestra-lo coma cazavampiros. A história continuará até que Abe sexa o Presidente e se vexa enfrontado nunha guerra contra os vampiros do Sul, que controlan a Confederación, e a guerra civil sexa realmente a batalla definitiva entre os humáns e os vampiros.

É difícil que todo isto non sexa unha caricatura do que semella ser. E non se pode dicir que o consiga. O filme non carece de bós efectos especiais, pero en xeral a súa conversión ao formato 3D fai-no semellar mais un episódio de debuxos animados ca unha película que aspiraba a algo sério (a man de Tim Burton coma produtor non se nota por ningures). A súa insipidez non-a chega a facer aburrida en ningún intre, e iso é se cadra o único punto a favor, pero o insulso da história, a súa previsibilidade, o falso dos decorados, as córes demasiado fortes, os sustos cos vampiros aparecendo da nada… converten a esta longametraxe nunha película só apta para ser exhibida no interior dunha atracción de feira.

Os persoaxes, coa honrosa excepción do líder dos vampiros, son tan chans e carentes de persoalidade coma se podía agardar dunha mala representación histórica. Con isto dito, é difícil atopar boas interpretacións, se ben os actores tentan poñer o seu esforzo e tomar-se as cousas en sério, o cal á súa vez é outra pedra máis na falla de credibilidade do argumento.

Non hai ren que temer: ao final gañan os bós, a xustiza, a liberdade e o modo de vida americán.

O esforzo por unir dous xéneros, o biográfico-histórico, co terror fantástico, foi benintencionado, pero só coas intencións non abonda. O que podería ter sido unha comédia con tintes históricos ou unha biografía con tintes fantásticos tentou ser as dúas cousas á vez e iso foi demasiado. O espectador non saberá se rir ou chorar, se ter medo ou non, e especialmente, se coñeces de antemán a vida de Lincoln e as circunstáncias dos seus tempos, os chiscos á audiéncia non pasan de ser meras relembranzas de que o que se está a contar ten certo parecido coa realidade pero nada mais, coma os exames dos malos alumnos de história, que de cada cen frases, só unha é acertada.

Se o que pretendía Seth Grahame-Smith é facer un chiste da vida de Lincoln, co título estaba xa todo dito. Pero hai cousas que por moito esforzo que se faga, non poden saír ben dende o título inicial.