Wahlberg e Neeson soan para Neuromancer

718

A adaptación ao cinema da novela Neuromancer de William Gibson que inaugurou o xénero cyberpunk leva en preparación moitos anos, pasando dunha equipa creativa a outra sen que ningunha sexa capaz de sacar adiante a ideia. Nestes intres está nas mans do director canadiano Vincenzo Natali (Splice) e seica hai un pequeno avance na dirección correcta, cos actores Mark Wahlberg e Liam Neeson en conversas para protagonizar o filme.

Publicada en 1984, Neuromancer é a história de Henry Dorsett Case, un ex-hacker que foi detido mentres tentaba roubar ao seu xefe e obrigado a deixar o seu traballo no ciberespazo coma castigo. Case ten instintos suicidas, depresión e é adito ás drogas. Probabelmente remataría morto nun calellón de non ser por Molly Millions, unha dura mercenária que leva a Case a ver a un misterioso home chamado Armitage. O trato que lle ofrecen a Case é que Armitage reparará o seu cerebro en troques dun par de traballiños. Desgrazadamente, as cousas non son tan doadas coma semellan.

De se chegar a un acordo, Liam Neeson interpretaría o papel de Armitage, mentres ca Mark Wahlberg sería Case.

Neuromancer ten previsto estrear-se nos cinemas ao longo de 2014.