Agárda-se outra ración de Prometheus

0
151

Mália o fracaso total das expectativas, o filme Prometheus, apoiado por unha feroz campaña publicitária, acadou uns resultados que o sitúan coma o 13º mais visto este ano nos Estados Unidos, con 125 millóns de dólares recadados, e iso xa abonda para que os produtores consideren a posibilidade de facer unha secuela da épica fita de Ridley Scott.

O mesmo Scott podería regresar coma director, dado que as duas grandes estrelas da primeira parte, Michael Fassbender e Noomi Rapace, asinaron contratos que os obrigan a rodar unha posíbel continuación. Scott xa deixou caer que de se facer unha secuela, esta iría mais na liña do que os fans agardaban, é dicir, un filme no que o monstro de Alien teña algunha aparición e mais protagonismo.

Unha persoa que de certo non vai estar nesa secuela é o seu guionista, Damon Lindelof, por mor dunha súbita e misteriosa “indispoñibilidade“, segundo fontes dos estudos. Non hai dúbida de que Lindelof levou a grande maioría dos paos que este filme recebiu da crítica, o cal é abondo inxusto porque o máximo responsábel foi e segue a ser Scott. O filme recebiu loubanzas pola súa parte visual, certamente espectacular, pero as críticas foron moi duras no que respeita á inconsisténcia do seu argumento.

A presidenta de produción da Fox, Emma Watts, dixo que “Ridley está incríbelmente emocionado polo filme, pero témo-lo que facer ben. Non podemos apurar“.