Matthew Phipps Shiel, autor de moitas novelas e contos estraños, grotescos e de aventuras, acada ás veces un alto nivel de horror máxico“. Esta é a definición que H.P. Lovecraft fixo en Supernatural Horror in Literature do noso protagonista, un escritor que ascendeu en efecto grandes cotas literárias pero que foi se cadra non do todo inxustamente tratado pola crítica e polo público por mor da súa vida excéntrica, mesmo criminal, e especialmente polo seu desenfrenado racismo, do que fixo gala a niveis que mesmo daquela eran inaceptábeis. Hoxe temos que decidir se o aceptamos pola súa obra e o rexeitamos pola súa vida, ou se decidimos que ambas cousas son indivisíbeis.

Matthew Phipps Shiell naceu o 21 de xullo de 1865 en Montserrat, nas Índias Occidentais (abandoaría o segundo “l” do seu apelido cando comezou a publicar). O seu pai, Matthew Dowdy Shiell, era de descendéncia irlandesa, un armador e comerciante que tamén practicou coma predicador metodista. A súa nai, da quen Matthew Phipps sempre se avergoñou, non querendo xamáis falar dela, era Priscilla Ann Blake, unha mulata.

Despóis de que o matrimónio producira oito ou nove fillas, o vello Shiell foi feliz cando por fin tivo un herdeiro varón para o seu “reino” de Redonda, unha illa da que aseguraba ser o dono. A illa fora orixinalmente Santa Maria La Redonda, unha das máis pequenas do arquipélago das Illas de Sotavento, preto de Antigua, e foi invadida polos ingleses en 1872 por mor dos seus depósitos de fosfatos e de guano. O pai obxectou en ván á invasión e de todos os xeitos a coroación coma rei do xove Shiell tivo lugar no seu decimoquinto aniversário.

Phipps comezou a escribir aos once anos, producindo primeiro un xornal, e logo a súa primeira novela cando tiña doce, e un serial aos trece. Foi educado primeiro no Harrison College de Barbados e logo no King’s College de Londres, onde sempre afirmou que recebiu un diploma na Escola de Intérpretes, se ben non hai constáncia de tal dado. Ademáis do inglés falaba sete idiomas: grego antigo, latín, italiano, francés, polaco, español e húngaro. Por mor disto, Sir Ernest Clark, da Real Sociedade de Agricultura, axudou-lle a conseguir un posto coma intérprete no Congreso Internacional de Hixiene e Demografía. É bastante posíbel que os seus coñecementos e experiéncias lingüísticas lle servesen para adoptar o seu peculiar estilo de prosa “pirotécnica”. Após dos seus estudos no King’s College, Shiel intentou facer Medicina, pero case se desmáia ao ver unha operación. Tentou asemade facer Matemáticas durante un ano en Derbyshire, pero isto tampouco lle gustou (ainda que seguiu sendo o seu hobby, xunto á química).

Aos dezasete, Shiel descobriu a Edgar Allan Poe: “xusto cando comezara a fumar, e os dous fumes leváranme… a Urano, onde fiquei algún tempo“. En consecuéncia, segundo dixo, escribiu a súa primeira obra, Prince Zaleski (1895) na que había “máis Poe que Xob” (Shiel afirmaba que Xob, o mito da Bíblia, era “o meirande xénio entre os escritores que xamáis viviron“. Claro que Shiel incluía-se a si mesmo coma “o millor escritor en prosa vivo“).

Despóis dos 20, Shiel viviu sobre todo en Londres e París, onde se inclinou cara ás extensións bohémias de fin-de-siêcle do movemento estético, no que tamén se atopaban Arthur Machen, Oscar Wilde e Robert Louis Stevenson. Tamén viaxou moito por Europa, especialmente por Itália, e ademáis por España, antes de se asentar definitivamente no condado de Horsham, en Sussex, Inglaterra.

Shiel casou dúas veces: a primeira coa francesa Lina (Carolina) García Gómez, en 1898, con quen tivo unha filla. Lina morreu en 1903. E a segunda foi con Lydia Fawley Jewson, dende 1918 a 1929, até que ela fartou-se das súas infidelidades e abandonou-no. Arthur Machen estivo presente na primeira voda. Lydia, segundo dicía Shiel, “imitába-se moito a Lina e á miña nai“. Pero Shiel non se limitaba a ser un esposo infidel: era un auténtico buscavidas, e tivo vários fillos ilexítimos; coma mínimo dúas fillas lle sobreviviron.

Ainda que oscilou entre diferentes radicalismos (traballou para a Federación Socialista dos Traballadores) Shiel era admirador dos xurdintes fascismos europeos, e coma todo bó iniciado na estrema dereita da época era un grande seguidor do que daquela se chamaba a “vida sán” e a “hixiene” e contaba o montañismo entre os seus hobbies. Adoitaba percorrer seis millas ao día até que cumpriu setenta anos. Tamén practicaba unha espécie de exercizos de respiración profunda, non moi diferentes do ioga, e que logo aparecían coma ensáios engadidos nas súas novelas. Adoitaba dicir: “gósta-me máis a luz doutros soles cá do noso“, polo que prefería durmir durante o día e traballar pola noite.

Durante a súa longa vida Shiel escribiu vintecinco novelas e dúcias de relatos. A meirande parte deles son mistérios románticos e aventuriñas, algunhas das cales tratan da conquista do mundo. Outros son claramente sobrenaturais ou raianos na ciéncia-ficción. Case todos están cheos de discursos coas súas ideias filosóficas e sociolóxicas sobre o Home Superior. E a maioría, deixando á parte o seu tema, son interesantes porque están escritos co inimitable estilo poético en prosa de Shiel.

Nunha crítica da súa escolma de terror Shapes in the Fire (1896), o mestre Machen escribiu: “velaquí un país das marabillas máis salvaxe do que Poe nunca soñou“. Ademáis, escribiu a Shiel para louba-lo por conseguir o que el mesmo sempre quixera acadar. A súa anterior escolma de relatos Prince Zaleski (1895) – cuxo persoaxe protagonista é unha espécie de versión macabra do prototipo de Dupin de Poe – é descrito por Sam Moskowitz coma “Sherlock Holmes na casa dos Usher“. Machen referiu-se á súa semellanza con Poe así: “É Poe, talvez, pero Poe cun brillo non terreal“. Moskowitz, menos impresionado, describe o estilo das primeiras histórias de Shiel coma “un furioso Poe con todo o xénio gastado“.

 

The Purple Cloud, de M.P. Shiel
The Purple Cloud, de M.P. Shiel

The Purple Cloud (1901) de Shiel é ún dos clásicos da Literatura de terror, e posíbelmente a súa obra mestra. Despóis de The Last Man de Mary Shelley, é se cadra a primeira novela que trata o tema do “derradeiro home sobre a Terra”. H.G. Wells dixo que era “colosal… unha novela brillante“. O xornal The New York Post fixo unha crítica dicindo que era “un xénio bébedo cos máis quentes zumes do noso idioma“. En xeral, as loubanzas ao traballo chegaron dende as máis altas instáncias. August Derleth chamou-no “o grande Visconde do Grotesco” e aplaudiu a súa “refulxentemente fantástica imaxinación e o mando máxico sobre o idioma inglés“. Hugh Walpole reduciu isto a “¡un xénio flamíxero!“, engadindo: “Non debe ser tocado, porque non hai ningún outro coma el“. E M. Benson dixo do seu traballo: “É unha gloriosa excursión ao incrible“. E.F. Bleiler considerou que “… as súas histórias son un revoltallo de efectos estilísticos de són, non para o gusto de calquera“. Ademáis, tivo admiradores entre figuras tan senlleiras e dispares coma Dorothy L. Sayers, Rebecca West, Dashiell Hammett, J.D. Priestley, Bertrand Russell e L.P. Hartley. Foi un “escritor de escritores” e os seus tolos ritmos literários, aparentemente improvisados, coma un artista de jazz nunha jam session, eran unha fonte fervente na que as novas técnicas de facer frases poderían emborrachar-se.

Sabía-se que Shiel pasara un tempo na prisión por fraude. Pero en 2008, revisando actas antigas, descobriu-se que en 1914 Shiel fora condeado baixo os termos da Criminal Law Amendment Act (1885) por “asaltar indecentemente e coñecer carnalmente” á súa fillastra de 12 anos. Lonxe de se arrepentir, Shiel pasou dezaséis meses de traballos forzados na cárcere queixándo-se decontado ao Secretário de Estado (Ministro do Interior) polo inxusto da lei que o condeara. As súas apelacións non foron atendidas.

Shiel pasou moitos dos seus derradeiros anos de vida traballando nun estudo do Novo Testamento titulado simplemente Jesus, que el afirmaba que era “a auténtica tradución do orixinal de Lucas” dende o grego, e no que segundo dicía, había algo de traballo detectivesco; por exemplo, o apóstolo Paulo era o Lázaro que na súa tolémia antisaducea pola resurrección pasou catro días na tumba, e que evidentemente conducía a unha “relixión da ciéncia” própria de Shiel, baseada no coñecemento máis ca na esperanza. Rematou este traballo cinco meses antes de morrer, pero nunca foi publicado, e do manuscrito orixinal hoxendía xa só fica menos da metade.

Despóis de 1934 ou 1935, Shiel recebiu unha pensión, pero inda así os seus derradeiros días, na súa cabana de Horsham, pasou-nos na pobreza e na miséria. Ao cabo, finou o 17 de febreiro de 1947 nun hospital de Chichester, á idade de 81 anos. No seu funeral, unha semán despóis, Edward Shanks chamou a Shiel “un poeta e un profeta… ao xeito do Antigo Testamento“.

Lovecraft denominou en Supernatural Horror in Literature (O Terror sobrenatural na Literatura) ao relato The House of Sounds coma “a indubidábel obra mestra de Shiel” (nela, o protagonismo é para unha casa tipo Usher feita dunha cúpula de cobre situada nunha illa tormentosa nas Shetlands). Outro relato de terror dos seus favoritos é The Dark Lot of One Saul (1928), chamado por John Squireso millor conto de terror de Shiel” e por Moskowitz “non só unha obra mestra da ciéncia-ficción senón dalgo aproximado á literatura” (obviamente Moskowitz non era fan da CF). Este conto vai sobre un mariñeiro arroxado pola borda pola Inquisición e que pasa anos nunha caverna baixo o mar, achegándo-se a Deus. Outro dos seus millores contos é The Place of Pain (1935) (unha lente natural formada nun estanque de auga revela horrores na Lúa) xunto coa ceda história de terror barroco Huegenin’s Wife (o tema diabólico dun artista aparece na realidade clamando vinganza). Normalmente cíta-se a The Purple Cloud ou The Lord of the Sea (ambos os dous de 1901) coma o seu millor traballo; nembergantes, en América, How the Old Woman Got Home (1927) foi a súa obra máis vendida.

Respeito das súas dúas grandes obras, en Lord of the Sea Richard Hogarth atopa un meteorito cheo de diamantes, constrúe grandes fortes de aceiro coa súa fortuna e os coloca nas encrucilladas dos océanos da Terra para controlar o tráfego mariño e así favorecer aos cidadáns das súas illas xigantes, mentres que en The Purple Cloud, Adam Jeffson aventúra-se no Polo Norde, e ao regresar decáta-se de que toda a povoación da Terra foi aniquilada por unha nube de gas cióxeno (o mesmo que usarían os nazis para aniquilar aos xudeus nos campos de extermínio da Segunda Guerra Mundial); a novela describe como percorre a Terra, amo de todo o que ve, revelando e destruíndo cousas á súa vontade.

Outras dúas novelas interesantes súas son Contraband of War (1899), e The Dragon (1913). Na primeira, un español e un americano enzárzan-se nunha batalla de intelixéncias; finalmente alían-se para tentar dominar o mundo. Esta novela foi escrita durante a guerra americano-española de 1898 e foi incorporando feitos reais da guerra a medida que se ían dando a coñecer na prensa da época. E en The Dragon, cuxo nome foi logo mudado a The Yellow Danger [O Perigo Marelo], hai unha guerra chino-inglesa con barcos voadores e ráios cegadores. Esta novela foi obxecto de controvérsias, dado que é unha das máis racistas de todas. Xa mesmo en 1929, cando o racismo aínda estaba lonxe de rematar no mundo, apareceu unha versión salvaxemente recurtada para eliminar os elementos máis controvertidos.

En 1927 a Paramount Pictures mercou os dereitos para o cinema de The Purple Cloud e durante os anos 40 fixéron-se unha dúcia de guións, pero ningún proxecto chegou a saír adiante. Finalmente, Sol C. Siegel, da Metro Goldwyn Mayer, mercou os dereitos en 1957 e produciu a longametraxe The World, the Flesh and the Devil (O Mundo, a carne e o demo) en 1959, protagonizado por Harry Belafonte, Inger Stevens e Mel Ferrer. Dado que Shiel era un completo racista, resulta bastante irónico que o seu “derradeiro home” fora interpretado por un negro (Belafonte). Esta foi a súa única obra levada ao cinema.

Eran ben coñecidos por todos o racismo e o antisemitismo de Shiel, pero se alguén ten algunha dúbida, abondará con lér calquera dos seus relatos e tentar non atopar neles algunha referéncia aldraxante, directa ou indirecta, respecto aos xudeus, normalmente acompañada por outros ataques á relixión cristiana. A única dúbida é se Shiel odiaba aos xudeus por crearen ao cristianismo, ou se odiaba ao cristianismo por ser creado por xudeus. Hoxendía, algúns estudosos tratan de desvincular a figura de Shiel do racismo, mesmo de xeitos algo radicais, pero semella unha misión imposíbel.